Opinión

A corentena e o privilexio do aburrimento: diario dunha 'hater'

Lin por aí que a romantización da corentena é un privilexio de clase, e estou de acordo.

Porque ademais de que, por descontado, todas e todos estamos vivindo unha situación que non é doada, non é o mesmo vivila sabendo como vas pagar as facturas ou comer que sen sabelo. E aí o desacougo multiplícase.

Tampouco é o mesmo vivir todo isto confinadas na casa que ser unha das coidadoras que van atender a señoras maiores sen ningún tipo de protección. Ou traballar repoñendo os alimentos que manteñen a aburrida poboación. Ou ser unha muller atrapada co seu maltratador. Ou ter ansiedade ou autismo e escoitar todos os días os vosos aplausos. Ou traballar na sanidade e estar desbordadas. Ver que os mesmos políticos que fixeron que o traballo sanitario sexa moito máis difícil e incluso imposible cando non hai espazo nin medios, son os mesmos desvergoñados que agora dan mensaxes de ánimo. Escoitar os aplausos de persoas que votaron a eses políticos. De persoas que pensaron que recortar en sanidade pública era unha boa idea. A hipocrisía do ser humano non ten límites.

Escoitei que agora é o momento de estar unidas, e xa cando isto pase, protestaremos. Pero que carallo imos protestar cando isto pase? Se cos incendios masivos case nos fixo falla que ardese Galiza enteira para pedir responsabilidades políticas, e agora igual. Non nos esquezamos de que o traballo da clase política, que está ao servizo do pobo, é prever, anticiparse, valorar posibles problemas, efectos e consecuencias. E se non o fan, non están desempeñando correctamente o seu traballo, e deben dimitir. Nin máis nin menos.

Pero nós, en vez de pensar en todo isto, pensamos no importante: ai, é que me aburro.

Estou chea, de verdade.

Pero vós que facedes no voso día a día?

É certo que polo meu traballo eu estou afeita a longas tempadas de peche. Ás veces incluso máis de dúas semanas, mandándome 8, 10 ou 12 horas diarias tocando, preparando repertorio -e, de regalo, principio de tendinite-, pero tamén é certo que ao rematar a xornada de traballo maratoniana, marcho tomar unha caña coa miña cuadrilla. Ademais, ao finalizar estas etapas, e coñecendo a data exacta na que isto pasa, entro nun período que é todo o contrario: xornadas laborais de ata 22 horas e media fóra da casa, moita actividade física, cargar e descargar instrumentos, rebentar por estar tantas horas tocando, nos descansos ir darme mergullos con compas de grupo etc.

Pero eu, aínda así, pregúntome que é o que facedes no voso día a día. Porque na casa temos tele, ordenadores, teléfonos smartphone, música, libros… Con isto podemos socializar, podemos penetrar noutras historias, as ficticias, podemos coñecer grupos musicais novos, ou volver escoitar a discografía dos que máis nos gustan. Podemos ollar todo tipo de manifestacións artísticas, partidos de fútbol, telenovelas e o Salsa Rosa, o que nos apeteza. Podemos ler o xornal, facer as manualidades para as que nunca temos tempo de poñernos… Dispoñemos dun abanico infinito de posibilidades… Pero nos aburrimos. Onde queda a vosa vida interior? Moi rápido vos frustrades, ou? Que no momento de escribir isto non levamos nin unha semana de illamento e xa hai milleiros de xogos chorras para paliar a enfastiada existencia da maltreita sociedade.

Vouvos resumir como foi o meu día de onte, o quinto da corentena. Erguinme, almorcei, falei coa miña nai na cociña e coa miña amiga Nébeda por whatsapp. Comín. Ducheime e baixei facer un recado. Estudei piano e fixen un pouco de exercicio. Merendei e seguín co meu “proxecto corentena” de ordenar, limpar etc. Ceei e chegou o momento ocio, con Netflix. Non me deu tempo a escribir este artigo nin a enviar un mail de curro que me pediron. Fareino hoxe.

Todo este día estivo regado de whatsapps onde xente coa que nunca falo me mandaba vídeos “para que non te aburras”. Como eu non minto e paso de poñer escusas, dixen que non me interesaban e que estaba a outras cousas. Nin os descarguei. Por suposto, as outras persoas puxeron máis que en dúbida o feito de que eu tivese algo mellor que facer.

Que, oíde, apoio totalmente as iniciativas do tipo clases online, axuda de balde que prestan doutores/as á rapazada que vai a selectividade, obradoiros de percusión, de baile etc. Se queres subir un vídeo teu tocando o ukelele ou cantando non te cortes, pero non mo mandes dicindo que é para matar o meu suposto tedio, porque quizais eu prefira volver escoitar o “Coplas para Icía” de Xabier Díaz ou a discografía completa de Queen, e non sei se nesta corentena me dará tempo a todo.

Comentarios