Opinión

Contra a ditadura dos dous bicos, facede cobras!!

Hai tempo que me preguntei por que somos as mulleres as que temos que saudar todo o mundo con dous bicos. A homes e a mulleres. Porque parece que nós non podemos dar un vigoroso apertón de mans. Será que non sabemos facelo. Será que só os homes poden decidir o seu tipo de saúdo.

Dáme a sensación de que desde moi pequenas apréndennos que o noso corpo non é noso, e que para agradar, debemos ter contacto físico con absolutxs descoñecidxs.

Eu mesma co meu alumnado odio que algún/ha mapai diga dale un beso a la profe… Non!! Se vou abrazar unha alumna, que sexa porque se esforzou e fixo algo ben. Porque lle amoso orgullo. Ou simplemente porque lle quero e se me ilumina a mirada cando entra pola porta. Se me bica, se me aperta, que sexa porque lle apetece. Se eu o fago, que sexa sabendo que é recíproco.

De nenxs, ambos sexos están case igualados no campo do contacto físico. Candomedramos, só as mulleres somos as que temos que saudar dese xeito.

Parece que a resposta lóxica sería dicir “poder podedes escoller non dar dous bicos”. Teóricamente si, pero estades moi equivocadxs se pensades que é unha decisión totalmente libre sen ningún tipo de consecuencia, e vouvos expoñer algúns exemplos dos milleiros que vivín no meu intento de librarme de semellante estupidez de convención social.

Teño unha amiga á que non lle gusta nada o contacto físico. Cuestiónome como terá que vivir ela todo isto. Porque se fose home, estou segura de que non o sufriría nin unha cuarta parte

Hai uns meses nunha terraza sentei coa miña mellor amiga. Ela estaba co seu mozo, ao cal coñezo moito. O saúdo consistiu en dicir “Ola! Xa pedistes de cear? Chégovos moi tarde?” mentres me sentaba e collía a carta. Naquela mesa había máis xente, dous rapaces que coñezo pouco e unha á que me presentaron inmediatamente. Nin me deu tempo a virar a vista cando xa tiña a cara dunha completa descoñecida achegándose á miña. Vireime para atrás (teño bos reflexos) e ofrecinlle a mao. Ela chegou a dar un pequeno berro contido, de asombro, e por suposto non me volveu dirixir a palabra en toda a velada, a pesares de que lle falei varias veces, de moi bo rollo.

Fai un pouco de máis tempo, entrei nun bar e un colega presentoume á súa moza. Sorrinlle e ofrecinlle a mao. Este colega preguntoume que por que fun tan borde con ela. Nin sequera chegamos a falar.

A tortura infinita vén cando hai reunións de amigxs e familiares de mapais. Chego e todo o mundo quere dous bicos. E eu para non quedar mal, poño a miña cara sobre facianas de xente que ou non me soa ou apenas lembro. Impregnándome eu de perfumes fortes que me remexen as tripas, de cheiros ao que está comendo todo o mundo. Ou impregnándose elxs do meu pouco agradable cheiro a tabaco. Na última reunión vin unha pequena luz cando un guitarrista canario me ofreceu a mao. Aínda queda esperanza no mundo!

Teño unha amiga á que non lle gusta nada o contacto físico. Cuestiónome como terá que vivir ela todo isto. Porque se fose home, estou segura de que non o sufriría nin unha cuarta parte.

Nun dos últimos bolos que tiven, fixen unha viaxe ao sul de Portugal de moitas horas. Viña unha rapaza nova como substituta. Cando ma presentaron ofrecinlle a mao, e sorprendeume que non lle sorprendese. Ata ese nivel chegamos. Extrañarme por non caerlle mal ao saudala fóra do protocolo patriarcal. Direi que cando rematou a viaxe, tras unha convivencia ao máis puro estilo Gran Hermano, despedinme dela agarimosamente, foi algo que nos saiu de xeito natural. Así debería ser sempre.

Pero o peor vén cando te ves nun ambiente de babosos, dos cales igual un deses babosos é o irmao da túa amiga, non queres ser desagradable e aceptas dar os bicos, cando de súpeto… CHÁS!! El agárrate pola cintura, arrímate ben arrimada deica el e para rematar chántache dous bicos moi preto dos beizos. E como tecnicamente non fixo nada como tocarche o cú ou meterche a lingua na boca, pois ti tes que calar e facer como que nada diso te incomoda. Que se me apurades aínda é menos violento cando hai unha persoa descoñecida rara que comeza os dous bicos polo lado esquerdo e acabades nun pico. Polo menos aínda te ris. Pregúntome cantos picos recibirán as persoas que non entenderon que a convención é comezando pola dereita.

Dito isto, adiántome aos comentarios que poida ter, do tipo pues en tal país se saludan haciendo el pino puente restregando sus pies desnudos. En tal país, o carallo. Eu falo da miña realidade, dunha realidade na que tampouco somos iguais mulleres e homes. É un drama? Non, pero é incómodo e absurdo.

É curioso como acatamos certas convencións sociais sen cuestionalas nin o máis mínimo.

Quizais deberiamos comezar a pensar.

Comentarios