Opinión

Compracer o patriarcado

Tenme fascinada a educación que nos dan ás mulleres, xa dende moi novas. Por moita información e moito feminismo que teñamos ao noso alcance, é case imposible sacarnos de enriba esa idea de non enfadar a xente, de non sentirnos culpables ou, en definitiva, de non compracer.

Contoume unha amiga que antonte estivo cun mozo súper feitiño e 'aliado'. Deitáronse e el tentou penetrala varias veces sen preservativo, ignorando todas as súas negativas. Cando ela, esgotada de pelexar, decidiu irse, el enfadouse. O patriarcado nunca fará ascos a unha boa chantaxe psicolóxica. Hoxe ela non para de repetir que se sente culpable. Culpable por meterse nesa situación (acaso non estaba en todo o seu dereito? Para non meterse 'nesa' situación unha muller debe renunciar ao sexo? Ou teremos que ser adiviñas e saber que ese home a vai agredir?) e porque cre que non o parou a tempo (se el se enfadou por irse despois do que fixo, non me imaxino como se poría se ela ao primeiro roce non consentido xa decidise cortar… Chamaríaa tola e esaxerada polo menos, e a miña amiga tamén se tería sentido fatal).

Outra colega quedou cun mozo de Tinder e este tentouna forzar. Hoxe, ela preguntábame se debía denunciar, porque ademais aínda ten feridas do encontro. Díxenlle que si, pero sentíase culpable. Mesmo conto: culpable por ter unha cita, por meterse nesa situación.

Á marxe destes relatos, hai tempo que veño notando que moitas das mulleres que me rodean senten a necesidade –ben no momento, ben como idea futura para cando estean preparadas– de informalos de que fixeron mal. Aos seus agresores! Por suposto, o patriarcado tamén nos aprendeu que para ser boas feministas debemos facer pedagoxía con eles. Non vaia ser que non entendan que non respectar unha muller e agredila non é de todo ético. Semellan ser algo parviños e quizais haberá que facerlles uns bosquexos, non sei.

Falando cunha destas amigas, lembrei algo que me pasou o pasado ano: Estaba eu nun local cunha compañeira e co rapaz co que ela se vía, J. Cando quixemos marchar, saímos nós os tres, e un descoñecido veu detrás. Diante da compa e de J., explicoume que eu lle gustara, que quería falarme e non se atreveu… Pareceume unha situación súper violenta para el, e fíxenme cargo, porque me estaba falando con todo o respecto do mundo. Non lembro moi ben que contestei, pero fun amable e dinlle as boas noites. Cando eu marchaba, preguntoume se me podía pedir o número de teléfono. Díxenlle que non, e volvinme despedir. No mellor ton, porque el non me fixera nada malo, nin ese nin os outros días que cadrei con el.

O caso é que cando comezamos a andar, J. díxome que eu fora moi borde. Pregunteille por que, xa que tiven a sensación de que fun comprensiva e amable. Contestou que non me custaba nada darlle o meu número. Entón, expúxenlle a J. o seguinte: Podo darlle o meu número, por suposto que si, e claro que non me custa. Pero imaxino que se llo dou, escribirame. Se non lle contesto, ti dirás que son unha borde, J., entón terei que contestar. Dou por feito que quererá quedar comigo, e se lle digo que non, quizais me preguntes para que lle din o meu número entón. Para que non me critiques e non vexas contradicións, terei que quedar con el. E se quedo con el, despois sería unha borde se o rexeito. Para que quedo con el se non quero nada? O que me pregunto, J., é se podo comportarme dalgún xeito que ti consideres aceptable, no que non me chames borde e que, ao mesmo tempo, non implique que este tío remate literalmente dentro de min.

Quizais é que non son moi lista, pero nunca darei entendido cando é lícito para o patriarcado que nós deamos unha negativa sen que lle poida sentar mal. Non comprendo como podemos ser compracentes sen renunciar ao que nós queremos ou sentimos. Mais, ante a dúbida, eu prefiro non arriscar, non vou chorar porque o patriarcado se cabree. E, por suposto, non se me ocorre culpar as miñas amigas das agresións que sufriron. Non esquezamos que o único culpable dunha agresión sempre é o agresor. 

Comentarios