Opinión

A imposición da heteronormalidade e outros prexuízos

Ademais de música, eu son profe na escola de música, e por moito que tentemos limitarnos a aprenderlles só unha materia, ao final convivimos todas as semanas con esas crianzas, somos unha parte importante dos factores socializadores da súa contorna. Escoitamos como adolescentes nos contan os seus dramas, empatizamos, aconsellamos, tentamos consolar e seguimos coa aula. Respondemos preguntas de nenas e nenos que teñen unha curiosidade voraz. Somos os seus referentes, e como tales temos que coidarnos.

Sempre digo que tento desmontarlles os prexuízos antes de que a sociedade consiga metérllelos no máis fondo dos miolos.

En Música e Movemento a peques de 4 e 5 anos póñolles o videoclip de E isto é o amor de Caxade e amais de comezar a dar os seus primeiros pasos a ritmo de pasodobre, falan entre si. “Son dúas mulleres bicándose”, di alguén. “¿Y qué? También pueden besarse entre chicas”, responde outra criatura. Elas e eles sen a intervención adulta non son homófobas, racistas, machistas nin clasistas. Son mentes sen formar, están aprendendo todo.

Pensade como pode sentirse unha adolescente ao ter o seu espertar sexual con outra adolescente. Esa rapaza pode saber que hai xente que está con persoas do mesmo sexo, pero iso non é o “normal”, sempre se lle dixo que tería un “mozo” e ela sinte que ten algo dentro que non está ben.

Ou co exemplo trans, pensade como pode sentirse un neno ao que sempre se lle dixo que era unha nena só pola forma dos seus xenitais.

E así constantemente.

Que as cousas non se solucionan dicindo “pero as persoas gais xa teñen dereitos”. Porque será que ninguén lles mira mal pola rúa. Será que non teñen medo a dicirlle a verdade á súa familia. Que non poden ser incluso despedidas do seu posto de traballo. Será que incluso a día de hoxe non son a diana de vexacións varias. Que as mulleres que están con outras mulleres aínda teñen que soportar que a súa familia chame “a túa amiga” á persoa a quen ama. Nunca unha heterosexual escoitou “convida ao teu amigo á cea de Nadal, ese co que vives e tes un fillo”.

Imaxinade por un momento que ás mulleres nos educasen como debe ser. Que nos deixasen moi claro que cando homes descoñecidos nos acosasen pola rúa ou que incluso nos tocasen, non é culpa nosa. Que todo acto sexual forzado, xa sexa fisicamente ou con chantaxe emocional, é violación. Imaxinade que nos contasen que somos persoas, igual ca eles, e que ninguén ten dereito a pisarnos. Que tivésemos os suficientes referentes femininos en profesións masculinizadas como para que optásemos por máis ramas e que non nos sentísemos constantemente xulgadas. Vaia utopía máis chula.

Imaxinade agora que a un neno se lle dixo sempre “cando teñas mozo ou moza…”, “cando che guste alguén…”. Que ese neno vexa moitos vídeos como E isto é o amor. Que as adolescentes teñan referentes bollos na tele. Que en máis series (por sorte iso xa está mellorando, todo hai que dicilo) se ven relacións sans de todo tipo. Que se lle gustan as tías, o tome como algo normal e natural. Que se lle gustan todos os xéneros o tome como algo normal. Que se só lle gustan os tíos, saiba que é unha opción totalmente libre e que non toque as narices a xente con outras orientacións. Que non dixese a típica estupidez de “a min iso non me gusta, pero eu respecto”. Que bonito sería.

Non sexamos tan inocentes e non pensemos que podemos limitarnos a dicir un simple “cadaquén que faga o que queira”. Porque con este pasotismo o único que facemos é reproducir o prexuízo. Non nos implicamos e non melloramos a sociedade na que nos tocou vivir.

Coidémonos de como falamos á xente nova, por favor.

E, para rematar, de cara ao 28 de xuño, Día do Orgullo Gay, vou contestar a esa pregunta tan orixinal que xorde a esgalla todos os anos.

¿Y por qué no existe el Día del Orgullo Heterosexual?

Verás, querido homófobo. Non existe o Día do Orgullo Heterosexual polo mesmo motivo polo que non existe o Día dos Gilipollas: sodes maioría e non fai falla visibilizarvos.

Comentarios