Opinión

A veciñanza urbana da Sionlla

Nacín na Casa de Xacobo. En Pousadoiro. Unha aldea do Concello de Ribeira de Piquín, na comarca das Terras de Burón.

Nacín na Casa de Xacobo. En Pousadoiro. Unha aldea do Concello de Ribeira de Piquín, na comarca das Terras de Burón. A práctica totalidade da miña veciñanza e a miña familia é labrega. A meirande parte dedicadas á produción de leite. Veño do rural. Da montaña. O gando é en lugares coma este tan importante coma calquera veciña. Non son un negocio, senón un estilo de vida, mantido durante décadas en relevo xeracional e con el, os costumes, tradicións, saber-facer e métodos de traballo vinculados ao agro.

Após décadas de despoboamento rural, fomos indo a menos. As vacas e as persoas. Aldeas enteiras quedaron baleiras e con elas fóronse perdendo estilos de vida que, pouco a pouco, foron absorbidos por unha cultura globalizada, importada a golpe de televisor e adaptada aos modos e ritmos das urbes.

Semella que o rural, o sector lácteo e as explotacións gandeiras; os costumes, labores, tradicións e estilos de vida rurais; o agro, teñen agora un novo inimigo. A cidade 

Pousadoiro, a Ribeira de Piquín e as Terras de Burón fican lonxe --a uns 45 km.-- da cidade máis próxima, Lugo. Non acontece así noutros espazos rurais que, aos poucos, foron converténdose en apéndices das cidades. Eis o caso da Sionlla. Tanto é así que moitas das persoas que moraban en Compostela foron desprazándose cara ao rural. Moitas na procura dun estilo de vida máis sosegado e saudábel. Afastadas do tránsito, a celeridade da urbe, o ruído e a contaminación. 
Con elas trouxeron outro xeito de concibir o espazo. Colonizaron un outro territorio mesmo chegadas duns poucos quilómetros máis lonxe. Colonizaron o rural porque non quixeron --nen souberon-- adaptarse a el. A respectar o que contén e o que representa. 

As bostas das vacas disque molestan a veciñanza do arredor. Persoas chegadas das cidades que non comprenden que unha vaca -si, un animal que en grupo constitúe o que a lei chama "gando solto"- caga. Así de simple. Un ser vivo que, no marco do seu proceso dixestivo, excreta. Ensuxa e cheira. As vacas teñen dous estómagos. Quizais a veciñanza urbana da Sionlla non o saiba, mais regurxitan o alimento e volven mastigar para logo devolvelo a un segundo estómago. 

Que animais tan pouco considerados coas vidas humanas, que non se adaptan aos nosos hábitos (!). Mais como gostamos de lles bebermos o leite pola mañá! Ben quente, para sacarmos a friaxe de enriba

Após iso, dixiren o alimento e, ao igual que as persoas, expulsan aquilo que en termos dixestivos non é útil. Que paradoxo, non poden pórselles caixiñas de area nunha esquina e acostumalas a defecaren nelas. Nen tampouco domesticalas para que fagan as súas necesidades --vitais, por certo-- somentes cando as sacamos a pasear a primeira hora da mañá ou á volta do traballo. Que animais tan pouco considerados coas vidas humanas, que non se adaptan aos nosos hábitos (!). Mais como gostamos de lles bebermos o leite pola mañá! Ben quente, para sacarmos a friaxe de enriba. 

A veciñanza urbana da Sionlla tampouco sabe que as vacas só dan leite após pariren. A instauración de modelos produtivos industriais fai que os seres humanos controlemos os niveis de produción, os ritmos e tempos en que lles extraer o leite. Tamén cando pasalas a seco. Mais estou certa de que a veciñanza urbana da Sionlla descoñece este termo, que toma parte do sistema de manexo do gando. Vacún e de leite. As vaquiñas que teñen manchas brancas e negras, para persoas despistadas. As outras, as marróns, esas son as do país. Producen carne. Non leite. 

Meu bis-avó. Teogildo, trouxo a primeira frisona --as das manchas-- á Ribeira de Piquín. Foi un troco do estraperlo como chegou aquela vaca á casa de Xacobo. Quen diría que aquela casualidade --podemos dicir-- se tornaría nun sector estratéxico para o país, agora en quebra. Abafado pola incompetencia dun goberno da Xunta tamén urbano e pola usura e actitude mafiosa dunha industria --a máis foránea-- que procura o lucro, para si, independentemente das persoas. Porén, e ao abeiro do acontecido con Jorge, semella que o rural, o sector lácteo e as explotacións gandeiras; os costumes, labores, tradicións e estilos de vida rurais; o agro, teñen agora un novo inimigo. A cidade. A urbe. A mentalidade urbana que por descoñcecemento ou a máis pura ignorancia --en termos de catetismo-- quer facer do rural o seu parque temático. E nel, nen as persoas nen as vacas --moito menos as bostas-- que (con)viviron, (con)vivimos, sempre alí, temos espazo.    

Comentarios