Opinión

Hai futuro, apostemos nel

Case dúas semanas de campaña dan para moito. E os millentos quilómetros que percorremos aínda máis.

Case dúas semanas de campaña dan para moito. E os millentos quilómetros que percorremos aínda máis. Ao longo deste tempo vimos un país vivo e polo que a min respecta, comarcas e localidades luguesas que gardan o futuro do país. Porque o hai, madialeva!

Podería pór moitos exemplos mais ficarei con dous que representan á perfección o proxecto político que defendemos para Galiza e polo que loitaremos tamén en Madrid.

Foi ao pouco de comezar a andaina. Nas Terras de Lemos, no sur de Lugo. No Concello de Pantón. Alí, nunha aldea que vai a menos como tantas outras, vive Xosé. Pouco máis de 30 anos. Gandeiro. Decidiuse a ficar coa explotación familiar mais desde unha óptica ben diferente. Conversando con el, lembro, díxenlle, “acabo de ver o futuro contigo”. Sorrimos.

Xosé mudou radicalmente o modelo produtivo que viñeran desenvolvendo na súa casa. Abandonou a estabulación e optou por un manexo natural do gando. Extensivo. Sen cortes, as vacas viven nos predios. Día e noite.

“Estás tolo” foi o primeiro que lle dixeron. “Os xatos van morrer de frío aí fóra”. Mais non, e non só non morreron senón que os servizos veterinarios apenas visitan a explotación de Xosé dúas veces ao ano. Os animais, semella, fanse máis fortes fóra.

As vacas múxense no prado unha vez ao día, sebes naturais cercan os predios, frean as pragas e varios mastíns defenden os animais do lobo, que pasea de novo polas Terras de Lemos.

Para a nosa sorpresa a aposta de Xosé, revolucionaria, non ficaba na recuperación da actividade agrogandeira e nos usos da terra abandonada. O segredo agochábase acarón da casa, nunha planta de transformación aínda en construción.

Queixos, iogures e a aposta no selo ecolóxico que, deseguro, conseguirá en non moito tempo.

O futuro alí estaba. Detrás da porta.

A xeración de valor engadido apostando nos recursos propios. Sen intermediarios, sen grandes marcas e comercializando a través de redes locais.

A vangarda non estaba en ningún plató de televisión ou en tertulia algunha senón nunha aldea luguesa

A vangarda non estaba en ningún plató de televisión ou en tertulia algunha senón nunha aldea luguesa. E a solución, en parte, á crise do sector, tamén.

Non moi lonxe de Xosé, en Belesar, un inmenso monstro de formigón bate con nós no camiño e alguén conta como o conde de FENOSA rematou de construír aquel encoro grazas aos cartos que apañou, din, nun sorteo da lotaría a porta fechada.

Do asolagamento das mellores terras saen a diarios millóns de watios (e euros). Paradoxicamente a veciñanza da zona padece falta de suministro e cando nunha casa muxen, noutra teñen que apagar o radiador eléctrico. Non chega a luz.

É inevitable pensar: “como serían as cousas se Belesar fose das galegas e non de Fenosa?”. A resposta é doada.

Subimos o Xistral. Chegamos a Muras e un alcalde que non sae nos ránking de rebeldía explica o proxecto que están a deseñar. En 2016 a veciñanza de Muras, por primeira vez na historia, verá os beneficios sociais de se teren instalado máis de 700 muíños de vento nas súas terras.

De novo sorrimos, desta volta en dirección ás eléctricas. A Muras chegou Manuel Requeixo e o BNG, e mandou parar que diría Carlos Puebla.

Un exemplo de cómo a capacidade para decidir sobre o propio serve para mudar as cousas

Un exemplo de cómo a capacidade para decidir sobre o propio –embora sexa no cativo marco actual-- serve para mudar as cousas e unha pequena mostra do que suporía para este país, tornado pola forza en potencia enerxética, contar con soberanía sobre a auga e o vento.

Din que o 20 de decembro pode ser un momento histórico. É probable que para o Estado español así o sexa. Mais, e Galiza? Que acontecerá neste recuncho do mundo sexa quen for quen goberne?

Ao longo destes quince días vimos as inmensas posibilidades que habitan o noso país.

Potencialidades baseadas nos nosos recursos mais tamén no coñecemento adquirido polas persoas que aquí vivimos e a innovación aplicada ao saber-facer tradicional. Xosé e Manuel Requeixo dan boa conta diso.

Nós-Candidatura Galega conta con propostas para garantir ese futuro. Só nos falta apostar nel.

O 20 de decembro Galiza pode aproveitar a oportunidade de comezar a apostar no seu propio futuro e en proxectos políticos que así o defendan. Non houbo un só debate, tertulia ou programa de televisión onde non ficase claro que só Nós-Candidatura Galega conta con propostas para garantir ese futuro. Só nos falta apostar nel.

Comentarios