martes 21.01.2020

Facer da indignación Trendig Topic

Agora nada que cheire a organización serve. Desde as forzas políticas até os sindicatos.

Agora nada que cheire a organización serve. Desde as forzas políticas até os sindicatos. Todo vello e rancio, non acomodábel á nova política pois esta exixe da espontaneidade e o individualismo. Neste último ano através do meu traballo tiven a gozosa oportunidade de poder valorar as cousas desde unha perspectiva moi ampla, diría case que privilexiada. Para quen goste da fotografía, puiden pór o ollo detrás dun gran angular e facer, en non poucas ocasións, unha foto panorámica.

E desa imaxe se algo me fascina é o movemento obreiro deste país. A súa viveza e afouteza na loita polos nosos dereitos. Os de todas, aínda que ás veces semellaren tan só os dunhas poucas persoas, na profundidade de campo que contén calquera fotografía, vese que o que está riba da mesa é unha guerra social que nos atinxe a todas. Traballemos ou non. Partillemos ou non un sector concreto.

No tempo en que fun 'gastando botón' topei con, coido, persoas maravillosas. Historias ben duras mais tamén reflexo da capacidade de loita colectiva. E detrás de cada conflito --máis ou menos prolongado-- comprobei que sempre hai organización.

"Detrás de cada conflito --máis ou menos prolongado-- comprobei que sempre hai organización"

Coñecín a Serafín Rodríguez pouco despois de se facer firme a sentenza pola que el e Carlos Rivas están condenados a entrar en prisión por un suposto delito, di a xustiza, contra o dereito dos traballadores. Tres anos de cadea por facer parte dun piquete no marco dunha folga no sector do transporte, en Vigo. Serafín, e Carlos continúan aínda na rúa grazas á incansábel loita das organizacións sindicais. Nomeadamente da CIG mais tamén de CC.OO e UGT. Nas multitudinarias manifestacións que percorreron as rúas de Vigo non había nada de espontáneo. Nen rastro tampouco de nova política. Había un esforzo brutal, colectivo, de persoas que deseguro teñen puntos de vista ben distintos, traballando man a man contra unha inxustiza. Mais sobre todo, repito, había organización. Esa que recorreu a todas as instancias políticas e xudiciais para frear a entrada en prisión de Serafín e Carlos mais que procura no fondo evitar que a calquera de nós nos poidan prender por exercer o noso dereito inalienábel a folga. A organización que convoca e mobiliza, para alén do eleitorado, persoas que traballen e defendan día a día nas rúas o que é de todas.

Descoñezo movemento espontáneo algún que na Galiza fixese algo ao respeito, emitise un comunicado ou amosase dunha maneira ou doutra o seu apoio a Carlos e Serafín. É máis, cheguei a ser testemuña dunha maior mostra de solidariedade coas dúas persoas que froito dunha greve xeral foron tamén condenadas polo mesmo delito. Iso si. En Madrid. Vaia tamén para elas o máis sincero apoio.

Tempo despois coñecín a Francisco Alonso. Traballador da Citroën. Despedido, xunto a David, por amosaren o seu rexeitamento a unha política empresarial abusiva. Son operarios dunha das maiores factorías do país. Falar con eles lembra os vellos e rancios escritos de Braverman explicando os métodos de control científico operario. A división de tarefas, a cadea de montaxe, a individualidade entre os obreiros como mecanismo de control e dominación nas factorías. Trabalho e capital monopolista, é o título da obra por se alguén gosta de a ler.

"Todo ten mudado tanto nos últimos anos que acotío, cando menos eu, sinto que a realidade me sobarda"

De novo aparece a organización. Convócase unha folga de fame indefinida. Sindicalistas da CIG comezan un período de xexún que se prolongaría por volta dun mes. De novo nen rastro da nova política. U-la fartura social? U-la indignación colectiva cando de 6.000 [email protected] só unhas poucas ducias apoiaban a loita dos seus compañeiros? U-la denuncia da 'caste'? Acaso Citroën non o é? U-los milleiros de persoas que din querer un cambio? Onde?

Todo ten mudado tanto nos últimos anos que acotío, cando menos eu, sinto que a realidade me sobarda. Mais Serafín, Paco, David, Carlos, Ana, Tamara, o cadro de persoal de Urbaser, as traballadoras da Cuca ou Alfageme reflicten que hai cousas que non teñen mudado en absoluto. Os actores somos os mesmos e a guerra ten, como tivo sempre, dous bandos.

"O inimigo último é esa oligarquía capitalista que concentra o poder económico e controla, con el, o poder político"

Neste conflito, os partidos políticos sistémicos --iso que deu en se identificar como 'caste'-- e a corrupción, son simples ferramentas e consecuencia dunha realidade moito máis complexa. O inimigo último é esa oligarquía capitalista que concentra o poder económico e controla, con el, o poder político. Esa que exixe baixar os salarios, dinamitar dereitos e financiar con diñeiro público o lucro privado. Esa que cobiza que as maiorías sociais non poidan acceder aos servizos máis básicos se estes non se tornan en gaños para os seus propios petos. Esa que dá acubillo aos seus lacaios como premio por se teren tornado á fronte das institucións en perfectos servos.

Eis a 'caste'. A dos consellos de administración das grandes transnacionais. Os dirixentes dos grandes medios de comunicación do réxime. Os responsábeis das organizacións e institucións internacionais constituídas após a II Guerra Mundial --sorprende que nalgúns casos como Bretton Woods (FMI-Banco Mundial-GATT) mesmo antes de rematar o conflito. Precisamente desa da que pouco ou nada se sabe. Da que pouco ou nada se fala.

Non queremos parches. Queremos mudar o mundo. E para iso, con todos os respectos, a nova política aínda non está preparada. Pois exixe constancia, compromiso, militancia, organización e traballo diario. Non chega con botar unha papeleta nunha urna, premer un botón ou facer da indignación Trending Topic.

Facer da indignación Trendig Topic
comentarios