Opinión

A estratexia de Feijóo ao descuberto

‘Céntrese na realidade’. Aseverou desde o seu escano o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, mentres Alberto Núñez Feijóo esgotaba a súa contra-réplica nunha sesión plenaria que sobardou os propios reloxios

‘Céntrese na realidade’. Aseverou desde o seu escano o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, mentres Alberto Núñez Feijóo esgotaba a súa contra-réplica nunha sesión plenaria que sobardou os propios reloxios. O portavoz do Bloque afanouse a viva voz, sen máis altofalante que a súa xestualidade, en conseguir que o presidente da Xunta de Galiza respondese a algunha das preguntas lanzadas polos grupos da oposición. Mais o líder do executivo galego tiña claro cando subiu á tribuna que aquel non ía ser un debate sobre o estado da nación, senón máis ben un segundo debate de investidura. 

"O líder do executivo galego tiña claro cando subiu á tribuna que aquel non ía ser un debate sobre o estado da nación, senón máis ben un segundo debate de investidura". 

Cargado de promesas que semellaban electorais, con ducias e ducias de proxectos lexislativos ás costas, Núñez Feijóo avanzou, anunciou e asegurou que o seu goberno aprobará, desenvolverá e aplicará até 46 medidas. Algunhas novas. Outras vellas coñecidas. Mais todas elas, até o momento, só declaracións de intencións. ‘Todo fume’, berrou algunha deputada desde o escano ou mesmo a través da rede social Twitter.  

Arroupado polos seus compañeiros de filas que acompañaron as súas intervencións con aplausos mecanicamente programados e por un bon número de líderes do Partido Popular entre os que se atopaban os presidentes provinciais de Ourense, A Coruña e Pontevedra ou a ex-alcaldesa de Vigo; Núñez Feijóo esgotou o tempo e non dixo nada. Non explicou a súa relación co narco Marcial Dorado, nen as razóns de non se construíren os tantas veces (com)prometidos floteis de Pemex. Tampouco falou das máis de 200.000 persoas desempregadas ou das 90.000 familias que teñen a tod@s @s membros no desemprego e que non perciben ningunha prestación social. 

En troca, falou dunha Galiza con “menos défice, menos paro, menos recesión e menos débeda”. Un país, tivo o atrevemento de dicer, que comezará a crear emprego en 2015 após iniciar o “proceso de transición” cara á “recuperación económica”. E díxoo en contra do que reflicten as análises dos indicadores económicos. 

Unha Galiza “irreal”, froito do “márketing” e a “aparencia”, que para a oposición constitúe a estratéxica política “dun mal xestor” que triplicou a débeda en tan só catro anos, que deixa tras de si o desmantelamento do tecido industrial galego e que mesmo pasará á historia, como denunciou Xosé Manuel Beiras, como o enterrador dos servizos públicos. Eses dos que se gabou durante perto de dúas horas mais que son obxecto das súas principais reformas. E recortes. 

"Unha Galiza “irreal”, froito do “márketing” e a “aparencia”, que para a oposición constitúe a estratéxica política “dun mal xestor” 

Porén, Feijóo apuntouse hai tempo á estratexia do pao e a cenoura. Embora for nunha versión propia. A modo de remake. Privatiza de facto o servizo de comedores que,agora, malia a propaganda ,será cobrado a todas as familias. Porén, pregoa un aumento no número de prazas dos mesmos. Nalgúns centros. Non en todos. Grava cun imposto os combustíbeis –incumprindo as súas promesas electorais-- mais afirma sen vergoña que o obxectivo é garantir o acceso a unha sanidade pública.  Esa onde @s doentes crónic@s terán que financiar os seus propios tratamentos contra o cancro e a hepatite. Ou na que os complexos hospitalarios construídos con diñeiro público son entregados sen cortapisas á empresa privada. Para aforrar (¡!). 

Galiza desángrase, esa é a realidade. O demais é propaganda. 

Comentarios