Opinión

O dereito a un proxecto propio

Lévame tempo roldando a cabeza a resposta á teima da unidade electoral. Moi lexítima, non digo que non. Mais, que hai do dereito a un proxecto propio? E aí decidín devanar a cabeza nesta xornada de reflexión.

Lévame tempo roldando a cabeza a resposta á teima da unidade electoral. Moi lexítima, non digo que non. Mais, que hai do dereito a un proxecto propio? E aí decidín devanar a cabeza nesta xornada de reflexión.

"Non sempre hai que ir da man cando os contextos e as realidades son ben distintas. Embora iso non nos arredar de principios básicos como a solidariedade, a unidade de acción ou o traballo colectivo".

Semella que dun tempo a esta parte calquera voz que non comulgue coa idea de se sumar a propostas electorais de confluencia é case que unha forza contra-revolucionaria. Contraria ao cambio nunha loita que, din, confronta o 99% da poboación co 1%. Pois non. 

Desde hai tempo mergulleime nos feminismos das marxes. Nos de fronteira. Aínda que de maneira inicial, --e en constante aprendizaxe-- se de algo me decatei a partir dos debates xerados neles e arredor deles, das razóns do xurdimento desa denominada terceira onda e da teoría da interseccionalidade, é que non sempre hai que ir da man cando os contextos e as realidades son ben distintas. Embora iso non nos arredar de principios básicos como a solidariedade, a unidade de acción ou o traballo colectivo.

A sempre lúcida Audre Lorde sinalaba nun marabilloso artigo que "as ferramentas do amo nunca desmontan a casa do amo, permitirannos obter unha vitoria pasaxeira xogando ao seu xogo mais nunca nos servirán para efectuar un auténtico cambio". Lorde era muller, negra e lésbica para alén de poeta, ensaísta e activista. Sabía ben o que supón conxugar nunha mesma persoa diversas opresións, o que é non pertencer á norma, ficar excluída de movementos presuntamente liberadores-emancipadores e ter que estabelecer xerarquías e prioridades na batalla. O 'iso agora non toca' pregoado polo discurso feminista hexemónico --branco, burgués e heteronormativo-- ao que ela respondeu cun contundente 'non podo permitirme o luxo de loitar contra unha forma de opresión apenas'. 

E é que, en moitas ocasións preténdese espallar a idea de que as diferenzas --de clase, nación ou raza-- poden (e mesmo deben) ser diluídas por unha opresión maior que nos abrangue indistintamente. Discursos que procuran anular a idea de que nelas reside a potencialidade dunha mudanza radical e non dun mero reformismo. 

"En moitas ocasións preténdese espallar a idea de que as diferenzas --de clase, nación ou raza-- poden (e mesmo deben) ser diluídas por unha opresión maior que nos abrangue indistintamente"

A feminista Leah Fritz na obra Dreamers and Dealers na que discute sobre a situación do movemento feminista na altura de 1979 equiparaba a realidade das mulleres burguesas coa das traballadoras argüíndo que o "sufrimento non pode ser medido nen comparado" non existindo "maneira de medir" a "diferenza" entre "a indolencia e a vacuidade forzada dunha muller rica" coa dunha "muller pobre que sobrevive grazas á asistencia pública", atinxidas ambas pola "tiranía sexista". 

Anos máis tarde, en 1984, bell hook criticaba a Fritz e a súa "mistificación consciente das divisións sociais" asegurando que "as identidades" --neste senso de raza e clase, engado eu a cuestión nacional-- "crean diferenzas na calidade, no estilo de vida, no status social que están por riba das experiencias comúns" que as referidas mulleres "compartillan". 

Volvendo á idea inicial de Audre Lorde, preténdese que no noso caso, como pobo, apracemos a cuestión nacional e a diluamos en beneficio do que viría a constituír un sufrimento colectivo maior marcado pola xestión neoliberal da crise económica, os recortes, a privatización de servizos públicos e, nomeadamente, a corrupción sistémica. Á marxe fica a realidade específica de Galiza e o feito de que, como dicía hook, a opresión veña definida --tamén neste senso-- pola "ausencia de eleccións" ou o que é o mesmo, do dereito a elixir, a decidir sobre o propio. 

Descritiva foi a afirmación dunha das cabezas pensantes e máis visíbeis de Podemos, Carolina Bescansa, cando aseguraba que a Galiza só lle preocupaba pagar a factura da luz a fin de mes. Estou até de acordo con que esa sexa a impresión xeralizada. Porén, Bescansa obviaba e silenciaba conscientemente o modelo de produción enerxética, a titularidade das empresas que comercializan a luz, a orixe xeográfica desa enerxía e o feito de que as decisións políticas na materia dependan de estruturas institucionais afastadas do país e, por suposto, alleas aos seus intereses. Un contexto que, repercute no prezo que a poboación galega paga a fin de mes no recibo, certamente e, ademais, inflúe de maneira directa na realidade económica galega ao seren os nosos recursos explotados por empresas foráneas que, para alén do máis, levan a enerxía e non pagan os impostos aquí. 

"Preténdese que no noso caso, como pobo, apracemos a cuestión nacional e a diluamos en beneficio do que viría a constituír un sufrimento colectivo maior marcado pola xestión neoliberal da crise económica, os recortes, a privatización de servizos públicos e, nomeadamente, a corrupción sistémica"

Por pór un exemplo. Poderiamos procurar unha fórmula para baixar o custe da luz mais iso non é garantía de que o sistema vaia mudar en ningún caso. Pagaremos menos, si, mais as empresas serán as mesmas e o modelo de produción/xestión tamén. Entón, que cambiou?

Non estou a criticar a postura de quen queira optar por se sumar a un proxecto político concreto no marco dunha recomposición político-electoral como a que atinxe o Estado español desde que no 2011 xurdira un movemento social que deu en denominarse 15-M. Non cuestiono iso, respéctoo, faltaría máis. O que estou é a defender o dereito a un proxecto propio nese mesmo marco. A unha leitura desde as marxes, a diversidade e a diferenza. Chámenme resistencialista se o desexar por non defender somerxerme na onda e deixar que me leve preferindo, pola contra, surfear entre a masa de auga para ser quen de decidir onde quero baixar. 

Existir é resistir e iso é unha honra, non motivo de vergoña, pois se non tivesemos dado esa batalla nas últimas décadas o contexto no que se atoparía este país tería sido agora mesmo outro e iso, iso si que sería unha mágoa.

"As "ferramentas do amo nunca desmontan a casa do amo". Poden reformala e adaptala, mais non tombala. As propias, si". 

Eu non son do 99%. Non loito con quen bate nas mulleres nen co asalariado que actúa de lacaio ao servizo da patronal. Non estou na mesma barricada que o racista ou o homófobo, como tampouco as lésbicas e trans o estiveron acarón de Betty Fridam cando as describiu como a 'ameaza lilá' do movemento feminista porque daquela 'non tocaba' loitar polas liberdades sexuais mais si polos intereses de clase da burguesía estadounidense. Non estou acarón das sufraxistas ianquis que quixeron silenciar a Sojourner Truth cando defendía o dereito das mulleres negras a seren tratadas como persoas. Nen estou con quen ve a corrupción mais non quere cambiar, en ningún caso, a estrutura sobre a que se mantén. 

Nesa marxe. Nesa fronteira me sitúo e teño, temos dereito a facelo pois do contrario esoutra voz, a que defende construír o cambio desde un prisma propio, a que procura tombar os cimentos da chamada transición española para construír algo radicalmente novo e verdadeiramente democrático, non existiría. E sitúome aí desde o convencemento de que as "ferramentas do amo nunca desmontan a casa do amo". Poden reformala e adaptala, mais non tombala. As propias, si. 

Ora ben, a pregunta é, a partir do domingo, serven as ferramentas das que nos dotamos ao longo deste tempo ou é preciso adaptalas, mudalas? Esa é unha boa cuestión para comezar a cavilar.

Comentarios