Opinión

Cando as asasinadas son números

"A morte [dunha persoa] é unha traxedia a morte de milleiros é unha estatística"

 

"A morte [dunha persoa] é unha traxedia a morte de milleiros é unha estatística"

A frase que encabeza estas liñas, atribuída de maneira errada a Iósif Stalin, foi plasmada polo escritor e xornalista berlinés Kurt Tucholsky en 1932 nun artigo intitulado Französischer Witz (Brincadeira francesa). Sexa de quen for, serve ben para encetar unha reflexión que leva roldando os miolos de moitas nos últimos días. 

Ao fío do asasinato de Francisco Taboada Romero, Jimmy, moitas fomos as persoas indignadas polos acontecementos e o tratamento que a imprensa xeralista española --e tamén galega-- deu ao crime. Por volta de dúas semanas após o homicidio as páxinas dos xornais continúan a falar do ocorrido, das decisións adoptadas a nivel gobernamental para combater (?) a violencia nos estadios de fútbol e 'erradicar' os 'ultras'; do despedimento de quen ousou achegarse ao enterro do siareiro asasinado e mesmo das ausencias de responsábeis dunha Liga que leva por sobrenome a marca dunha entidade financeira transnacional. 

Sete días despois do asasinato de Jimmy dúas mulleres foron asasinadas no Estado español, nos últimos cinco dias a cifra ascende a catro

Centos de miles de chíos e comentarios nas redes sociais tornaron en poucas horas o asasinato de Taboada Romero nun tema de axenda, política e mediática. Forzas políticas tomaron posicións e axiña se exixiu a comparecencia de diversas persoas para dar explicacións do acontecido. Da falta dun dispositivo policial que evitase o crime, da consideración do confronto deportivo como de 'alto risco' e denuncias a respeito do cariz político dun asasinato perpetrado por grupos filofascistas que ven no deporte unha vía para espallar idearios españolistas, racistas e homófobos. 

Sete días despois do asasinato de Jimmy dúas mulleres foron asasinadas no Estado español pola violencia machista. Outra resultaba ferida após ser acoitelada polo que fora a súa parella. En cinco días o número de mulleres asasinadas ascendía a catro logo do feminicidio dunha nai e dunha filla en Bilbo. As estatísticas --sempre frías-- cifran en máis de medio cento o número de mulleres asasinadas no que vai de ano en todo o estado. Na Galiza son sete. 

A diferenza do acontecido con Francisco Taboada, poucas horas despois de seren asasinadas ninguén falaba da súa morte. Estou certa de que moitas das que agora ledes estas liñas nen sequera coñecedes os seus nomes, nen o de ningunha outra. Poderían ser calquera, ben é certo. Elas tan só son números. Cifras que acumular nun reconto anual que reflicte, ano a ano, o aumento do número de feminicidios. Non só no Estado español. En Portugal é asasinada pola violencia machista unha muller cada oito días. Na Alemaña, o país de Tucholsky, o goberno afirmou en 2007 que unha de cada 4 mulleres entre 16 e 85 anos sufrira malos tratos. O Consello de Europa apunta que, por volta do 15% das mulleres da UE atópanse en situación de violencia. A cifra non é nen moito menos exacta pois elabórase a partir das denuncias presentadas. A maior parte non o fai.  

"Desde 1991 foron asasinados 4 siareiros froito da violencia no deporte. Na última década foron asasinadas 700 mulleres no conxunto do estado"

Desde 1991 foron asasinados 4 siareiros froito da violencia no deporte. Na última década foron asasinadas 700 mulleres no conxunto do estado. Setecentas entre as que non se atopa Adela López, entre outras moitas. A nai de María José Suárez que foi expulsa das estatísticas oficiais por ser o seu verdugo o xenro e non seu home. Tampouco se contabilizan nos rexistros gobernamentais aquelas que sobreviven (?) ás agresións. Sonia Rodríguez é unha delas. O que era a súa parella e xefe do bar que rexentaba en Chantada disparoulle na cabeza. Adoece nun hospital aínda hoxe, inconsciente, mais non só polas consecuencias psíquicas, físicas e psicolóxicas de ter sobrevivido a tan brutal atentado, senón tamén pola falta de recursos --económicos, materiais e humanos-- que garantan a súa rehabilitación. A familia encetou unha campaña para pedir axuda. Ningún responsábel político ou institucional se achegou a visitala. 

Kurt Tucholsky posibelmente non pensaba nas mulleres asasinadas pola violencia machista, mais deu de cheo no albo da cuestión cando deixou por escrito que a morte de milleiros é unha estatística. Non resoa na imprensa, nen nas conversas de bar. Nen sequera centra a atención do debate político. Porque cando elas son as asasinadas tan só queda o número. 

Comentarios