Opinión

O papel das mulleres na revolta popular de marzo de 1918

“Conta a historia das mulleres porque delas nunca se fala”. Así comezaba unha presentación de Non des a esquecemento libro escrito por Luís Bará e non hai que ser moi consciente para saber que é una realidade. Ocultándoa, ocúltannos una parte de nós, modifícana ao seu antollo e seguen a perpetuar o patriarcado; porque calquer movemento de revolución precisa das mulleres, e en cada revolta seguimos a xogar un papel crucial. 

É marzal de 1918 e na comarca de Ferrolterra prende a faísca, as mobilizacións agrarias e obreiras son unha realidade. Estamos nun contexto internacional marcado pola primeira guerra mundial e a revolución rusa, no estado español vívese unha etapa convulsa e en Galiza o movemento nacionalista comeza a estruturarse nas Irmandades da Fala (en Ferrol nacen en 1917) e é a través do nacionalismo que as mulleres galegas reclámanse como suxeito político e comezan a organizarse, tamén en menor medida a través do mundo sindical e agrarista. O estado español quere aproveitar o contexto exterior e vende trigo e outras materias primas aos países en conflito, pero desabastece os mercados internos e proliferan “acaparadores” que, no noso país,  tentan lucrarse da situación subindo abusivamente os prezos de produtos de primeira necesidade da época coma o pan, o carbón o aceite ou a cera. O gobernador da Coruña prohíbe a saída de trigo para a comarca de Ferrolterra na primeira semana de marzo polo que perigan postos de traballo e é case imposíbel adquirir mesmo pan. As protestas deste mes comezan os días 8 e 9 de marzo na zona de Xuvia (nos concellos de Narón e Neda) encabezadas polas mulleres da fábrica de textís. Intentan reunirse cos alcaldes da zona e ante a negativa protestan nos comercios do lugar tirándolles pedras e tamén diante das casas das persoas ricas. Hai disparos e as primeiras persoas feridas de bala na cabeza da revolta popular de marzo de 1918:  Josefa Naval Luaces e a Rosa Tenreiro Ameijeiras.

É a través do nacionalismo que as mulleres galegas reclámanse como suxeito político e comezan a organizarse, tamén en menor medida a través do mundo sindical e agrarista

 

Este é o inicio dunha revolta que continuará durante todo o mes e onde a represión vai ser máxima (nove persoas mortas segundo datos oficiosos e incontábeis feridas). Destes días xurdirán Comisións de Mulleres nos concellos en conflito, paros xerais nos asteleiros e no arsenal e en resumo un pobo que reclama dereitos e que non é sumiso. As protestas seguirán en Xuvia, Ferrol, Serantes, Pontedeume, mulleres que asaltan os trens en Maniños e confiscan o que hai neles. As autoridades deciden declarar o Estado de Guerra. Organízase unha manifestación en Ferrol o día 10  ao berro de “Temos fame! Abaixo os acaparadores!” que vai ser dispersada a tiros causando a morte dun neno de 12 anos máis un traballador do arsenal. O suceso desencadea un mitin en Ferrol, con 3.000 obreiros, preludio dun enterro histórico do traballador do arsenal. A Comisión de Mulleres do concello de Fene obriga o seu alcalde a asinar unha baixada de prezos, mais aínda é un caso aillado. Un día vai marcar a revolta definitivamente: o 13 na feira de Sedes (Narón). O ambiente está moi caldeado e albíscase a traxedia: toda a comarca está mobilizada ese día e nesa parroquia a garda civil de infantería e cabalería acuden á chamada do alcalde, acusado de ser un acaparador (é salientábel que neste lugar veñen de gañar as eleccións os rexionalistas, de ideas contrarias a el e aos seus concelleiros) tratando de impor un imposto de consumo abusivo. Comezan as protestas diante da casa do alcalde e dispárase á “multitude” e, como consecuencia, caen sete persoas mortas e multitude de feridas. Ao día seguinte, parte desde Ferrol unha nova manifestación de xente obreira (6.000 segundo as crónicas da época) para levar unha coroa ata Sedes en homenaxe. 

A Comisión de Mulleres do concello de Fene obriga o seu alcalde a asinar unha baixada de prezos, mais aínda é un caso aillado

 

Hai máis mobilizacións e a prensa deixa de ter comunicación coa zona en conflito (é interesante ver coma dous xornalistas da A Voz de Galicia contan como tentaron achegarse en tren á comarca e pensaron que non darían dado volta pola intensidade da revolta). A partir de aquí, a censura fai que só teñamos conta de persoas feridas e declaracións en xuízos (maior parte de mulleres que foran detidas) ao que titulan como o “problema de subsistencias”. Conseguiron obxectivos: os alcaldes de Ferrol e Narón víronse obrigados a dimitir xunto co xefe da garda municipal e foron quen de baixar os prezos.

A represión, incluso baixo a censura, móstrase terríbel, nada sabemos da multitude de feridas durante a revolta e o que aconteceu despois, mais podemos imaxinala grazas unha estampa na portada d´A Nosa Terra que debuxa Castelao onde un león do parlamento de Madrid é atravesado por unha espada inscrita cun “Viva España” e unha frase lapidaria para definir o debuxo “ollando aos patrioteiros españois, vense cousas que arrepían”. A nosa Terra tamén se fai eco en páxinas interiores do que está a acontecer. A memoria existirá e en 1933 na parroquia de Sedes colócase un monumento (que será derrubado na ditadura franquista) en memoria do acontecido e unha crónica da época fala de que foi un acto masivo. 

A memoria existirá e en 1933 na parroquia de Sedes colócase un monumento (que será derrubado na ditadura franquista)

 

Temos neste episodio unha revolta silenciada para que primeiro tivésemos medo e logo como pobo fósemos incapaces de lembrar. De feito até hoxe as referencias foron escasas: un poema de Manuel María, algun libro do movemento agrarista que menta o acontecido en Sedes, un artigo de Francisco Rodríguez (e arquivo xornalístico que gardou da época), estudos de Laura Tato... mais é preciso facer xustiza por toda a xente que loitou por mellorar as condicións de vida dun país e dunha comarca que sufría as consecuencias de sermos unha colonia. Para iso nace a Comisión Revolta Popular, Marzo 1918, con persoas organizadas en toda Ferrolterra para conmemorar o seu centenario neste ano que entra, sabedoras que para afrontar o futuro hai que lembrar o pasado e loitar no presente. Porque hoxe os acaparadores aínda existen e destrúen a nosa cultura, patrimonio, modo de vida mais esquecen que a fame non crea súbitos e súbitas.

Salientábel é que fosen as mulleres as precursoras e as protagonistas da Revolta, dalgunha maneira as crónicas da época intentan con isto infravalorar a revolta, o patriarcado non nos considera persoas. Clara Zetkin escribiu en 1918 que “o que fixo o traballo da muller especialmente atractivo para os capitalistas non só era o seu prezo máis baixo se non tamén a maior submisión”. Comparar as mulleres das fábricas de textís da época coas compañeiras da provincia de Pontevedra de Bershka que hai uns meses estiveron en folga pode resultar interesante e incluso necesario para saber en que melloramos ou canto falta por facer. Porque non ser submisas parece que sae caro, mais a liberdade nunca ten prezo e coñecer esta historia de mulleres bravas e valentes e o pobo que se uniu a elas faise necesario, para que os acaparadores non se sintan vencedores dunha historia que non só quixeron esnaquizar con silencio, senón tamén con violencia. 

É preciso facer xustiza por toda a xente que loitou por mellorar as condicións de vida dun país e dunha comarca que sufría as consecuencias de sermos unha colonia

 

En Galiza desde logo transformouse a realidade coa Revolta popular de marzo de 1918 e os compañeiros de loita tomaron nota: Antón Vilar Ponte rememora estes sucesos nun artigo escrito na II República e é quen de presenciar como na primeira asemblea das Irmandades da Fala aproban o Manifesto Nacionalista de Lugo onde se reclama por vez primeira “a igualdade de dereitos para a muller”. 

A faísca prendeu daquela e coñecendo os feitos estamos máis preto de que prenda hoxe no pobo galego. As persoas optimistas sempre atopamos unha xanela onde seguir a abrir paso a un futuro digno, como o que conquistaron en 1918 e que nos quixeron borrar da memoria. Teñen medo que continuemos, mais sabemos que para conquistar utopías primeiro hai que soñalas.

Comentarios