Opinión

Vacinódromos

Estou por emigrar a Londres para así ter a oportunidade de visitar o meu pai ao que estes últimos meses pouca ocasión tiven de ver. É a conclusión que todas e todos sacamos vendo os telexornais estes días festivos, onde os directos nos aeroportos cos que marchaban e os que voltaron do estranxeiro se sucederon con toda normalidade diante das nosas faces confinadas perimetralmente.

Por se fora pouco, o meu pai nado en agosto de1947 pertence a chamada xeración “sandwich”, é dicir fai este ano 74 anos e polo momento como está nesa franxa de idade das e dos nacidos entre 1942 e 1956 ten aínda que agardar para ser vacinado.

Maiores que levan un ano padecendo o medo ao virus, sen poder bicar e visitar fillas e fillos, netas e netos, que son poboación de alto risco pero que teñen que esperar neste limbo de calendarios que mudan cada semana e que non entende ninguén. Septuaxenarios secundarios que se chamaría a película.

Meu pai e os meus sogros, da mesma xeración, atentos a un teléfono que oxalá soe axiña… Aínda que non sei que é peor, porque tendo claro que as vacinas son a grande esperanza para todas e todos non deixa unha de ficar sen palabras vendo as imaxes de ringleiras de maiores, mesmo moitos dependentes, facendo horas de cola baixo o sol no estadio Wanda Metropolitano en Madrid esta pasada fin de semana. Escoitar testemuñas de xente, algún en cadeira de rodas, relatando as dificultades para chegar á súa prezada cita coa vacina deume moita mágoa. E todo porque Isabel Díaz Ayuso non quere pechar nunca nada, pero se de centros de saúde se trata aí cambia a cousa.

Esta semana a noticia é a posta en marcha de centros de vacinación masiva en todas as comunidades autónomas. Moitos xa definen estes espazos como vacinódromos. E eu que cada vez que escoito ou leo esta expresión penso en Entroido, purpurina, música e baile.

Pero se toca poñerse o disfrace pai, non haberá problema, alí estaremos toda a familia festexando a chegada da ansiada dose da vacina para ti e para todas e todos os septuaxenarios que agardades pacientes a vosa merecida quenda.

Comentarios