Opinión

Unha boa escusa

O elevado risco que supoñen as granxas de visóns americanos no contexto actual de pandemia debería de ser a mellor escusa para pechar dunha vez por todas estes negocios e rematar así cunha práctica normalizada de maltrato animal que en Galicia semella atopou o seu paraíso español. Recoñezo a miña sorpresa, ignorancia e pena a partes iguais, ao coñecer estes días que acollemos arredor do 80% de todo o negocio do sector do Estado. Evidentemente a situación sanitaria manda, certo que nestes intres non hai nada máis importante, pero ler que máis de 3.000 animais teñen que ser sacrificados! Poucos son se comparamos cos máis de 90.000 de Teruel, dirán moitos, é un dos grandes males deste virus, xa é tanto o dano que os números baixan axiña polo escorredoiro. Pero o peor é que ata o de agora moitas e moitos, eu a primeira, viviamos nese descoñecemento absoluto sobre a realidade da indecente industria da peletería no noso país. Non é que esquivar o virus fose a supoñer un futuro esperanzador para os visóns, pode incluso que ata ser sacrificados antes de tempo vendo como os teñen ateigados nesas minúsculas gaiolas sexa o mellor dos males para os animaliños!

Logo de ler a nova dos contaxios na granxa da Baña e as cifras de granxas galegas deume por buscar algo de información sobre esta noxenta realidade. Os visóns son asasinados aos seis meses para arrincarlles a pel, pero antes neses escasos meses de vida van facéndose feridas pola tortura de vivir pechados e en soidade.

Se o risco sanitario e o maltrato animal non fosen motivos dabondo para sumarnos á petición de peche destas granxas, a todo isto temos que engadir que as fugas supoñen unha gravísima ameaza para a fauna autóctona e xa teñen preto da extinción ao visón europeo. Quedan arredor de 500 exemplares debido ao imparable avance do visón americano procedente das granxas peleteiras. 

En Galicia temos moito que dicir por tanto, manter estas granxas é manter unha práctica de tortura e explotación animal que ademais pon en grave risco a natureza e agora tamén a nosa saúde.

Comentarios