Opinión

U-la Xunta?

Este martes temos pleno no Parlamento galego e entre os asuntos presentes na orde do día está a situación da limpeza e a desinfección dos colexios neste contexto de pandemia. Seguirei fisicamente dende lonxe o debate plenario, por motivos de traballo tócame estar en Madrid por unha tempada, pero sentimentalmente moi de preto e con toda a atención posta nas cuestións do noso país.

Nos faladoiros nacionais asómbrame escoitar coma unha ampla maioría dos opinadores nos programas de radio e televisión sitúan Feijóo como o gran varón moderado do PP fronte as teses de Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso. Escoito e penso en canto descoñecemento da realidade!

A Ayuso as sanitarias e os sanitarios repróchanlle a ausencia absoluta de diálogo, a Feijóo tamén, o mesmo acontece cos concellos e co sector educativo. Neste Pleno o portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamará á Xunta que lles garanta aos concellos o financiamento da limpeza e desinfección dos centros educativos. Unha obriga cun custo económico que algúns concellos non poden asumir o que deriva en inseguridade e desigualdade segundo onde se atope a escola á que asistan os nosos fillos.

Moito me temo que o PP do moderado Feijóo non só votará en contra de asumir a súa responsabilidade nos centros educativos, senón que vai converter, unha vez máis, o debate sobre un asunto da súa competencia nunha regueifa sobre política nacional. Dáme moita preguiza a verdade. Todo nunha semana de dobre ración parlamentaria na que só pensar nas intervencións sen límite de tempo de Vox no Congreso co gallo da moción de censura, primeiro defendendo a moción e logo a intervención do candidato Abascal, sinto náuseas.

Unha semaniña na que só alguén coma a nova estrela viral, a deputada ourensá do PP Ana Vázquez Blanco, pode empeorar.

Coñecida por éxitos como o tuti free, as críticas a que se adaptase o Congreso para que Pablo Echenique puidese exercer de voceiro, ou o chío no que se dirixe á ministra Irene Montero con ese “fue a hablar de p… la tacones”, grandísimo o nivel dialéctico e moral.

Comentarios