Opinión

Rivermint

A pesar de que só tiña seis anos cando estrearon a serie aínda lembro a letra da sintonía inicial e o nome da nena protagonista, Corina. Aquí foi a primeira vez que escoitaría este nome, neste caso vencellado á heroína que en cada episodio loitaba por salvar a Mofli do axexo dos cazadores. 

Mofli ten sono, Mofli durmiuse,

Mofli ten medo, Mofli está agochado... 

Cos debuxos de Mofli, moitas descubrimos os koalas como seres adorables e os eucaliptos como esas árbores necesarias para que non desaparecesen. Pero do mesmo xeito que na actualidade a Corinna que coñecemos non se caracteriza por salvar animais en perigo de extinción, máis ben semella que acompañou nalgunha viaxe o Emérito a cazalos, os eucaliptos de románticos teñen pouco!

Esta especie foránea ten o seu particular imperio colonizador no noso país. Somos dos lugares do mundo onde o eucalipto está máis estendido e como temos aprendido, ou cando menos deberíamos telo feito, onde padecemos os seus prexudiciais efectos na configuración da paisaxe e nos lumes. 

Por iso, cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presentaba o plan de diversificación do monte galego e anunciaba que se procedería á suspensión temporal da plantación de eucalipto, todas e todos aceptamos de entrada este titular como algo positivo. 

Pero pouco durou a ledicia, cando profundizamos un chisco e pasaron os días o anuncio deu paso a un efecto totalmente contrario. Os viveiros avisan que a demanda se disparou, non quedan existencias, hai ata lista de agarda porque os propietarios dos montes queren sortear a prohibición antes da súa entrada en vigor plantando agora todo o eucalipto posible e talando indiscriminadamente bosque autóctono. 

A posta en escena merecería protagonizar un dos capítulos de Mofli. Recoñecemos o problema e anunciamos un plan que nos titulares queda moi xeitoso.

Pero a realidade é que ao que animou é a plantar correndo todo o eucalipto que se poida. Todo arranxado! Aquí somos o contrario a Rivermint, ese lugar onde a deforestación das árbores de eucalipto provocou a desaparición de todos os koalas agás o inesquecible Mofli.

Comentarios