Opinión

Realidade aumentada

Na miña etapa como reporteira de televisión tocoume facer varias reportaxes sobre vivendas ocupadas ao longo de todo o territorio español, un tema recorrente que sempre funciona no que a audiencia se refire, e que se explota dentro dunha especie de cultura do medo, de inseguridade e dunha suposta desprotección da propiedade privada.

A verdade que o debate sobre o fenómeno da okupación, lonxe de ser un tema novo, vén enchendo minutos de televisión dende hai anos, pero agora sorprende cun protagonismo disparado, impulsado e manipulado dentro do argumentario da dereita que mesmo chegou ao pasado pleno do Parlamento galego da man do PP cun populismo barato que me deixou coa boca aberta.

A realidade que nos amosan os datos, as estatísticas nos xulgados, e mesmo eses casos que os xornalistas cubrimos dentro dos grandes éxitos televisivos, é que fundamentalmente se trata de okupacións de vivendas, maioritariamente deshabitadas e propiedade de bancos ou fondos voitre.

No último ano o incremento das denuncias foi tan só dun 5%, pasamos de 7.093 denuncias nos primeiros seis meses de 2019 a 7.450 denuncias este ano segundo cifras do Ministerio do Interior. Estamos ante cifras por tanto moi similares pero que contrastan co aumento de noticias sobre ocupación, un 500%!

Anímovos a poñer no buscador do ordenador dúas palabras, PP e ocupación e voilá… non hai concello e comunidade autónoma onde os populares non estean a poñer o foco sobre os okupas:

Metidos de cheo nunha gran crise económica e social, a conselleira de Vivenda está preocupadísima pola okupación. Pero nada ten que dicir dos 15.000 demandantes de vivenda pública en Galicia que agardan sentados pola Xunta, nin de que esteamos á cola do Estado na promoción de vivenda protexida, nos últimos nove anos construíronse menos vivendas protexidas que en 2007, ou de que teñamos xa máis 330.000 vivendas desocupadas.

Comentarios