Opinión

Protocolo non habitual

Xa son varios os compañeiros de medios chamados polos rastrexadores de Sanidade, agora si que tivemos coñecemento do ben que pode funcionar o rastrexo, para se faceren unha proba PCR após cubrir o acto do PP con Feixóo e Casado o venres na Coruña.

Tras o positivo da conselleira do mar, Rosa Quintana, que oxalá teña unha boa e tranquila recuperación, e o paseo sen máscara de ámbolos dous líderes populares, o que queda claro é que neste país hai clases e clases. Tirando de literalidade, temos as clases nos colexios, que tiveron que sortear con casos de rapaces positivos por Covid e onde as nais e pais de alumnos non tivemos na maior parte dos casos que coñezo nin esta axilidade para facer PCR nin tan só unha chamada do persoal rastrexador do Sergas. Cantas familias tiveron que se apañar cas crianzas metidas na casa en corentena, sen ter acceso a facer a proba durante días, sen poder xustificaren faltar ao traballo e coa preocupación de se a filla ou o fillo se terían contaxiado ou non. 

Aquí en cambio, e logo do posado antes os gráficos de Feixóo e Casado sen a máscara, son moitos os que na fin de semana recibiron a chamada para facerse o test.Alégrome de que esta falta de responsabilidade se arranxara con tanta axilidade e se puxera de manifesto que cando toca apurar o sistema si resposta. Pero iso de que a rápida chamada aos compañeiros e a realización das probas PCR "é o protocolo habitual" ides permitirme que o poña en dúbida. Tanto nos colexios e IES como en moitos postos de traballo non existe esa sorte… Pero claro, a culpa de todo o acontecido este ano do demo tena o 8-M, iso volveron repetir os populares nese acto do venres. Pouco aprendemos dende entón que seguimos sen poñernos a máscara! De seguro que a fin de semana os preto de 9.000 asistentes en dúas quendas, sábado e domingo, ao concerto de Raphael no Winzink Center en Madrid eran conviventes, ou pode que algún xa estivera na cea do V aniversario do xornal El Español nun casino o pasado outubro... Igual pertencen a unha raza superior inmune á Covid. Que pouco medo, respecto e sobre todo vergoña… 

Comentarios