Opinión

Nin vacina nin quitaneves

As galegas e galegos das Rías Baixas, igual é moito aventurarse falar por todas, non temos unha relación natural coa neve. As persoas de mar aínda vemos coma algo exótico vivir unha gran nevarada coma a que me colleu xunto a tanta xente en Madrid con Filomena. A maiores da fartura das primeiras horas e de ter que nos comer centos de vídeos e instantáneas nas redes sociais das nosas coñecidas e coñecidos, saco dúas conclusións: non teño roupa axeitada nin calzado para o frío e non hai vacina nin quitaneves que solucionen a incompetencia política que nos arrodea. Onte, saír da que é nestes momentos a miña casa temporal na capital española foi unha experiencia noxenta. Xa non me vou deter nos cuazos por esvarar e na imposibilidade de camiñar con seguridade que coma tantas veciñas e veciños padecín a semana pasada. Imos esquecer tamén o que supuxo non poder mover os coches, nin ter autobuses nin trens de proximidades para chegar ata o traballo durante días. Tampouco vou poñer o acento na lea que teñen nais e pais sen colexios abertos… 

Efectivamente asistimos a una nevarada histórica, non en van levaban días os meteorólogos anunciando que Fiolomena chegaría facéndose notar, pero a capital por máis que os seus dirixentes políticos dixeran que estaban co dispositivo preparado quedou espida e coas vergoñas ao descuberto. Nove días despois do temporal, onte pola mañá saír da casa en moitos barrios da capital supón non só seguir correndo risco de caer, senón toda unha experiencia de insalubridade máis propia dunha cidade do terceiro mundo. A comunidade da omnipresente Isabel Díaz Ayuso, exemplo de xestión para os populares españois incluído o noso presidente Feixóo, a cidade do promocionado alcalde Martínez Almeida, amósase incapaz de poñer as vacinas fronte á Covid recibidas mantendo as e os profesionais da atención primaria fóra da ecuación a pesar da súa total disposición e saber facer, e amósase tamén absolutamente incapaz de limpar as rúas de xeo e lixo. Semella que as ratas son as únicas que gozan deste disparate no que se ten transformado a miña querida Madrid, cidade de acollida de tantas e tantos de nós.

Comentarios