Opinión

Next

Hai anos, e cando non abundaban aínda os programas de citas e de telerrealidade que agora enchoupan a programación, houbo un espazo que se chamaba Next e que consistía en manter citas rápidas nun autobús. No citado programa, que non tivo moito éxito, se non había química a protagonista ou o protagonista pronunciaban a palabra "seguinte", e así pasaban a coñecer outros candidatos ou candidatas!

Nestes momentos oxalá puidésemos como cidadás e cidadáns dicir Next cando os políticos meten a zoca unha e outra vez. Imaxinade ter un botón vermello que nos permitise sacar do medio a quen non cumpra como corresponde.

A composición do consello de administración da sociedade creada para captar fondos europeos Next Generation de recuperación contra a pandemia e integrado só por homes, nove en concreto, é a mellor fotografía para ilustrar a mentalidade machista do Goberno galego. 

A moitos aínda lles custa asumir a igualdade de xénero de xeito natural e responsable, pero ás veces, e advertidos por asesoras e asesores, tratan de gardar un pouco as formas. Neste caso nin iso!

Falar de reactivación excluíndo a máis da metade da sociedade galega é unha ousadía e unha auténtica vergoña. 

Logo algúns din que iso dos teitos de cristal é cousa do pasado.

Falamos de teito de cristal para ilustrar esa barreira invisible á que nos enfrontamos as mulleres para acceder a postos de responsabilidade no laboral ou na política. Unha barreira que pasa a ser ben visible en instantáneas coma esta. Imaxinade a mensaxe que desde a Xunta están a trasladar ás mozas e mozos. 

Non axuda tampouco reaccións coma a do voceiro popular Pedro Puy, un home por certo que recoñezo adoita pronunciarse de xeito moi razoable, pero non desta volta. Preguntado por tan desafortunado feito, Puy respondeu "se o que me pregunta é se o que creo é que debe haber mulleres en todos os órganos que teñan que tomar decisións, a min paréceme positivo". 

Aquí amigas e amigos non estamos falando de cousas positivas, senón dunha necesidade e dunha obriga que como administración ten a Xunta. Así non avanzamos!

Comentarios