domingo 28/02/21

Morrer de pena

Poucas expresións ao longo da miña vida me teñen chamado máis a atención que morrer de pena.  Cando escoito alguén empregar este dito xunto a algunha historia dramática recoñezo que adoita captar o meu interese, ao tempo que as dúbidas de se isto será cientificamente posible asolagan o meu pensamento.

Hai tan só uns días, o fillo dunha muller usuaria dunha residencia DomusVi empregou esta expresión tras participar nas xuntanzas cos distintos grupos políticos no Parlamento. O seu maior medo, sendo moitos os que machucan o seu cerebro, é que a súa nai poida morrer de pena. Por primeira vez, e escoitada a expresión dos seus beizos, non dubidei, morrer de pena é posible e ten que ser horrible. Agora que deixamos atrás agosto, e despois dun verán no que teño que recoñecer gocei da praia como nunca, penso na facilidade coa que nos temos adaptado finalmente a esta nova normalidade. Seica somos capaces de ir a praias, piscinas, mercados, bares, vodas, bautizos e comuñóns, pero visitar os nosos seres queridos que veñen de sobrevivir a duras penas e de ver a morte ao seu arredor non é posible. Normal que este home tema que a súa nai morra de pena.

As restricións das visitas semella ser o único que mudou nas residencias. Despois do loito, das gravatas negras e mesmo os presentadores dos telexornais da TVG de rigoroso negro, o único que fixemos nestes meses foi expulsar as familias dos centros. Quen contaba con facer cumprir ratios de persoal, dar formación, dotar de sistemas de protección ou a emenda dalgún tipo de erro? Nada.

Volvemos a un punto crítico, sen facer nada máis que secuestrar os beixos e as apertas. A nai do protagonista desta frase supera os noventa anos e está case xorda, as poucas veces que lle permiten vela leva carteis para dicirlle, mantendo a obrigada distancia, o moito que a quere e que todo está ben, aínda que sexa mentira. O de levar carteis xa forma parte tamén da nova normalidade dos familiares de usuarios de residencias DomusVi. Non me saco da cabeza esa imaxe que protagonizan nas protestas esixindo xustiza con pancartas de números, números que representan cada unha das vidas perdidas en Barreiro (Vigo) ou Aldán (Cangas). Suxeitan cada un o letreiro correspondente cunha dignidade que me produce un nó na boca do estómago. O mínimo que merecen é a posta en marcha dunha comisión de investigación.

comentarios