Opinión

Meli

"Somos pioneiras en feminismo e a ver se aprenden o resto dos sindicatos da nosa comunidade”. Amelia Pérez Álvarez, para todas nós Meli, pronunciaba estas palabras hai uns días converténdose na primeira muller en asumir a secretaría xeral de Comisións Obreiras en Galicia. Meli acaba de facer historia, rachando un teito de cristal dos máis duros. Nos 45 anos do sindicato nunca antes unha muller asumira o máximo cargo. Aínda lembro cando hai 10 anos coñecín a esta sindicalista, comezabamos a falar de feminismo aínda que máis timidamente. Tras anos seguindo as grandes mobilizacións en Vigo, sobre todo do sector do metal, Meli colleu a voz cantante ao ser elixida secretaria comarcal de CCOO. Ver e escoitar a Meli megáfono en man liderando manifestacións do naval e xuntanzas coa patronal foi algo necesario e non sempre asumido con normalidade.

O bo facer, a claridade nas ideas e a determinación desta veciña de Moaña traballadora de Zara fixo que moitos tiveran que calar e agochar os seus prexuízos para non quedar mal. Lembro a Meli embarazada e traballando arreo, multiplicándose en xuntanzas e roldas de prensa. Meli sucedeu no cargo a dous históricos do sector metalúrxico moi queridos e respectados como Pepe Cameselle e Ramón Sarmiento. Os sindicatos son máis necesarios ca nunca pero, por desgraza, como na empresa privada e nos organismos públicos, non se teñen destacado por ser exemplo de igualdade. Meli ocupa o cargo nun momento delicado, á grave crise da pandemia únese a delicada situación de sectores estratéxicos como o naval, que pasou de ser bandeira da bisbarra olívica ao grande esquecido político, salvo en campañas electorais nas que chovían os floteis mexicanos. Na miña adolescencia leváballe ao meu pai o tupper a Vulcano, había que aforrar ou tiña pouco tempo para comer. Impresionaba ver tal cantidade de xente traballando. Moitos compañeiros sindicalistas do Vasco, é o alcume do meu pai, lembran aqueles días. Mulleres víanse poucas nos estaleiros, teño esa imaxe gardada e por iso e por moito máis coñecer persoalmente a Meli é un orgullo. Compañeira do metal, a túa sorte será a de todas as traballadoras e traballadores galegos!

Comentarios