domingo 28/02/21

Ledicia

Hai unha semana escribía sobre a necesidade de que algúns se fixeran ver iso de considerar heroes a personaxes como o finado Maradona. Reflexionaba nesta columna sobre como algúns deportes de pelota facían esquecer, semella, as barbaridades que tinguen e mesmo marcan a vida destes indiscutibles xenios do balón. Uns xenios do deporte que pouco ben lle fixeron á sociedade. 

Hoxe, e por ser polo menos algunha vez positiva nestas liñas, decateime de que case sempre enfoco esta columna á crítica, quero celebrar o recoñecemento ben merecido a unha muller que admiro e que é un ben en si mesma. Ela si que forma parte dos referentes saudables que precisamos. 

Alguén que de pequena tiña como pasatempo arrancar cables de monecas e visitar camposantos estaba destinada a ser sen dúbida alguén especial. Grazas a ela, e antes de ser nai pero xa na idade adulta, gocei da literatura infantil e xuvenil e dun mundo dos mortos que non ten fin, como tampouco o ten o álbum de fotos sacadas en cemiterios de todo o mundo da protagonista. Unha muller chamada Ledicia, que é luz e talento e que curiosamente devece polas historias de defuntos e pantasmas. 

O ano pasado por estas datas todo o mundo falaba da súa novela Infamia e aínda que son xa moitos os premios que atesoura, que a Consellería de Cultura a galardoe co Premio da Cultura na modalidade de letras 2020 é iso, unha ledicia. 

Teño a sorte de poder presumir diante dos meus sobriños adolescentes e admiradores da escritora de coñecela persoalmente. Dende hai uns anos comparto xurado con ela no certame de relatos Vigo Histórico da editorial Elvira, e de verdade que escoitala falar é tan marabilloso como ler os seus libros ou unha das tardes gastadas alá polos anos oitenta vendo Bólas de Dragón na casa. Ámbalas dúas somos fanáticas das aventuras de Goku. 

Por todo isto, e aínda que teña recoñecementos como o Premio Merlín de literatura infantil, por Escarlatina, a cociñeira defunta, ou o Premio Nacional de Literatura Infantil, este Premio da Cultura Galega da Xunta é unha nova para celebrar. Parabéns admirada Ledicia e non esquezas que seguimos agardando a nova entrega das crónicas de Merlo.

comentarios