Opinión

Ilusión

Este último ano ten sido tan intenso para todas e todos que agora que me toca botar a vista atrás para facer balance teño a sensación de levar escribindo esta columna anos. Un ano marcado polas restricións que aparecían e desaparecían, polas viaxes de ida e volta a Madrid para traballar, con Filomena, esa tormenta de neve polo medio, dirixindo un programa no ano da liberdade para as cañas de Ayuso, das cartas con balas na campaña madrileña, da dimisión de Iglesias, da crise en Ceuta ou dos escándalos do emérito. O certo é que nin no plano persoal, nin no profesional houbo tempo de respirar! Unha mochila chea de experiencias na que toca facer oco a outras novas. Estes días nalgunha entrevista me preguntan como observo a vida política, e a resposta é sempre a mesma: de igual xeito que ata o de agora. Despois de 20 anos traballando como xornalista fíxoseme raro poñerme ao outro lado da mesa nunha rolda de prensa, sentín nervios prometendo o cargo de deputada no Parlamento, sentín dor pola ausencia de Isaura, orgullo pensando no que pensaría a miña nai, e por suposto unha boa ración de ilusión.

As mesmas vivencias persoais que aireei neste diario agardo sexan a miña guía na defensa dun tipo de política responsable fronte a discursos de crispación e odio. Estamos afeitos a vivir arrodeados de mensaxes de odio, instauradas pola ultradereita coa complicidade dunha dereita que mesmo asume as mesmas premisas. Mirade as palabras de investidura de Ayuso atacando o feminismo e botando por esa boca barbaridades como que o aborto é a "saída máis fácil"!

Nestas liñas aplaudín a lei da eutanasia que entrou en vigor, aplaudo o impulso da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI. Facer política do lado dun partido como o PSdeG-PSOE impulsor dos grandes e históricos avances lexislativos a nivel estatal en materia de dereitos e igualdade faime sentir honrada. Pola contra, trato de pensar neste país despois de doce anos de Feixoo nunha medida ou lei importante impulsada polo goberno popular... Toca despedirse agradecida pola liberdade para escribir e por ter ocupado este pequeno espazo neste diario comprometido, grazas!

Comentarios