Opinión

Igualdade de conveniencia

Estamos afeitas a que moitos dirixentes falen de igualdade “cando toca” e non lles queda outra por calendario pero logo amosan os 364 días restantes a enorme hipocrisía que as súas verbas agochan. Algúns como o alcalde de Vilanova son xa reincidentes, pero que agardar cando contan coa complicidade que do presidente da Xunta! Mesmo agora que un xulgado, o de Instrución número 3 de Pontevedra, declarou Gonzalo Durán culpable dun delito de menosprezo cara á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, por chamarlle “chacha para todo”, o máximo mandatario popular non é quen de expulsar ou polo menos desautorizar semellante individuo.

Coñecida a sentenza e ante as preguntas das xornalistas, Feijóo fuxiu cara a adiante botando balóns fóra e xustificando o condenado con argumentos tan baixos como que no PSdeG de Pontevedra “insultan” máis. A falta de compromiso na loita contra o machismo é inadmisíbel nun responsábel político e dáme igual a cor da que falemos. Personaxes como Durán non poden estar ao fronte dun Concello. Lonxe de se arrepentir, ten reincidido nas súas descualificacións “machistas e clasistas”.

Unha entende por que o espazo de Vox aquí atopa acubillo no PP aínda que os populares galegos disimulen un chisco máis que Ayuso, quen fixo varias chiscadelas á ultradereita na súa investidura con mensaxes en contra do feminismo. Ter que escoitar unha presidenta dicir que “o aborto é o recurso fácil” produce medo e mágoa. Igual que se precisan políticas que censuren e cesen responsábeis con actitudes machistas, precisamos tamén responsabilidade na defensa da democracia, dos dereitos e das liberdades.

Non esquezamos que Ayuso recoñece comodidade con Vox como socio preferente a pesar de que na lista de esixencias trasladada pola ultradereita a Ayuso piden que derrogue as leis autonómicas contra a violencia de xénero, a lei de identidade sexual e a que dá protección integral ao colectivo LGTBI. Ollo que a aposta desta xente vai subindo...

Comentarios