Opinión

Hai un ano

Como cada domingo chego entrada a noite ao aeroporto Adolfo Suárez azorrando dunha maleta que semella pesar máis da conta. Para traer o xustiño para pasar a semana pesa coma unha lousa. Non é que desta volta metese máis roupa, de feito pensando no bo tempo destes días a equipaxe é máis lixeira. Pero custa tirar por ela e sinto dor no pescozo e no ombro esquerdo e teño que cambiar de brazo para seguir adiante. 

Esta semana estarei nun hotel, unha decisión por seguridade que non axuda a afrouxar ansiedade senón máis ben todo o contrario. Teño unha desas camas extra grandes e a habitación é ben bonita, pero a miña sensación é a de adentrarme nunhas inquedantes fauces. Hai un ano viña de asistir aos Premios Mestre Mateo e de participar na folga e na manifestación do 8 M xunto a miña filla. Gozamos xuntas elixindo roupa morada, pintando a cara con símbolos feministas e percorrendo as rúas ao tempo que se enchoupa do significado de loitar e reivindicar os valores que presiden a nosa familia os 365 días do ano. Hai un ano tamén que o Coronavirus comezaba a cheirar mal no noso país, e pese ao escepticismo esgotabamos os derradeiros días da antiga e prezada normalidade. 

Tiña moitas esperanzas depositadas no 2020, persoais e profesionais, pero un ano despois aquí estou na fría habitación dun hotel escribindo, cunha dor punzante no peito, os ollos irritados pola despedida en Peinador e a escasas seis horas de entrar a traballar despois dunha noite na que adiviño pouco durmirei. 

Sinto culpabilidade por non facer folga, aquí en Madrid as moblizacións están prohibidas e isto ao igual que a miña maleta pesa.

Como tanta xente nas últimas semanas preciso tomar algunha pílula para a ansiedade, recomendada evidentemente pola médica. 

Hoxe miña filla chorou máis da conta na despedida, non quere que marche e tamén contou que estaba cansa de non poder dar apertas e bicos á familia, especialmente aos mellizos Carme e Roi de seis meses aos que nunca puidemos bicar. Fiquei preocupada, penso que tamén ten ansiedade. Hai un ano eramos máis felices. É así.

Comentarios