Opinión

Habelos hailos

Esta semana chegaban os militares que farán os labores de rastrexo da Covid despois dunhas semanas nas que a piques estivemos de chamar a Iker Jimenez para que investigase a existencia no noso país destes prezados e necesarios profesionais. Montar unha nave do misterio en Galicia ben xustificado estaba. 

Porque logo que Feijóo pasase de anunciar 20, 60 e finalmente 6000 rastrexadores! Logo de saber que estas contratacións non foran tal, senón que en realidade o presidente se refería a que en cada profesional da atención primaria hai un rastrexador en potencia como aquela canción de Hai un amigo en min de Toy Story, vai e chega o novo conselleiro de Sanidade e preguntado polo deputado socialista Julio Torrado sobre o número de rastrexadores no parlamento, contesta que non pode dar unha cifra porque non coñece a definición exacta do que se entende por esta figura. 

Para os que non estean afeitos á vida parlamentaria, clarexar que o conselleiro coñece de antemán que lle van preguntar isto, así que non pode ser máis reveladora a resposta.

As galegas e galegos temos ao que presume de ser o mellor xestor de pandemias pero a realidade é que notifican resultados de PCR a xente que nunca tal proba fixo, mesmo a persoas que levan meses sen pisar Galicia, outros que fan a proba e nunca lles chega o resultado e teñen que se matar a chamar por teléfono para saber cal foi a sorte, ou a persoas que tiveron contacto directo con positivos que deciden illarse e avisar por responsabilidade, pero ao igual que no goberno galego non teñen nin idea de quen son eses famosos rastrexadores.

Amiga e amigo que les esta columna, non te asustes, respira fondo e non llo digas a ninguén, pero pode que neste preciso momento sexas un rastrexador para Feijóo e non o saibas.

Se non fose porque con toda esta lea de enredos interesados somos a comunidade autónoma con máis contaxios de orixe descoñecida o asunto daba para moito chiste, pero tristemente o asunto dos rastrexadores é unha mostra máis de que estamos demasiado afeitos á política dos grandes titulares. 

Comentarios