Opinión

Faralo moi ben

Non quero facer contas exactas por iso de non nos pintar maiores, pero aínda lembro a primeira vez que conversei ao outro lado do micro con Francisco Castro. Fran interviña cada semana recomendando en Onda Cero Vigo lecturas, eu comezaba a miña traxectoria profesional como xornalista e recordo que gozaba daquela conexión en directo como un dos mellores momentos da semana. Anos despois, e xa na Cadena Ser en RadioVigo, recuperamos ese bo costume de falar de cultura, libros e galego en maiúsculas. Máis que entrevistar recoñezo que me convertía nunha oínte máis.

Aínda que xa daquela tiña varios títulos publicados, sería nos vindeiros anos nos que Francisco Castro pasou a ser un dos autores galegos máis recoñecidos dentro e fóra. Entrevistado aquí e alá, pero sen deixar de estar preto. Señor director da Editorial Galaxia e agora Vigués Distinguido, pois vaia que si o merece! Teño o bo ou o mal costume de falar de sentimentos nesta columna. De espirme a tal punto que logo algunhas veces teño certo arrepentimento. Máis alá dos títulos e dos recoñecementos Francisco Castro é un amigo, unha persoa na que sempre atopo acubillo. Con el discuto cada mércores se teño dúbida do escrito nestas liñas.

O que poucas e poucos saberán é que para chegar a ser directora de programas na televisión pasei por decisións profesionais e persoais arriscadas nas que sempre contei co seu consello.

Orgullo do pasado obreiro das nosas familias en Teis, da importancia da memoria, da loita, de nos poñer en valor nun mundo no que non todas e todos temos o camiño igual de despexado… Faralo moi ben Noe, dá o paso…

Este novo Vigués Distinguido adoita contar que nalgún momento da súa vida pensou en ser xornalista. Leva escribindo desde os 18 anos, comendo con argumentos nestes anos a contertulias e contertulios na radio e na televisión, sendo moitas veces politicamente incorrecto pero sempre valente e defendendo a igualdade, a diversidade, o social e a cultura galega. Por moito que amole a ignorantes, féridos e duros, parabéns querido náufrago, oxalá estas palabras convertidas nunha figura física para poñer neses andeis de premios, libros, música e tanto dos Beatles. 

Comentarios