mércores 27/01/21

Fame

Onte comezou a gran recollida anual do Banco de Alimentos e aínda que este ano a fórmula varía por mor da Covid, a situación social que estamos a vivir fai que a palabra fame teña cobrado unha relevancia social á que semella, e pese as imaxes das longas colas, estamos a darlle as costas.

Son imaxes que doen, e por iso esta semana aproveito este espazo para sumar esforzos cos Bancos de Alimentos galegos. Teño especial agarimo por proximidade polo de Vigo e Pontevedra, e coñezo o esforzo tan grande que teñen feito para se reinventaren nestas circunstancias.

Esta pode ser unha oportunidade para as que nos vimos resistindo ao mundo Bizum, o sistema de moda para compartir gastos e transferir cartos co teléfono móbil, fagamos o esforzo. O código é 01139.

Só o Banco de Alimentos de Vigo desde que comezou a pandemia atende 8.000 familias máis, sumando arredor de 30.000 no reparto de comida semanal.

Tamén temos durante toda esta semana a oportunidade ao pasar pola caixa do supermercado de facer un donativo económico ou de adquirir unha cesta solidaria de 10, 20 ou 30 euros a través da web do Banco de Alimentos. Penso que seguirei a resistirme ao Bizum, pero algo temos que facer.

Coincido coa advertencia da Rede Galega Contra a Pobreza de que as administracións están "abusando" das organizacións sociais, pero as prioridades xa vemos onde están... Colexios de Médicos que elevan a voz para pedir a dimisión de Fernando Simón pero que non se poñen en pé ante os recortes na atención primaria e a precariedade do persoal sanitario.

O pasado venres un veciño plantouse co fillo con 39 de quentura no centro de saúde desesperado tras tres días tratando de pedir unha cita telefónica. Sen opción de deixar o neno con ninguén por medo a que fose un caso de Covid e sen poder xustificar máis a ausencia ao traballo, alá foi co rapaz de 8 anos que deixou por seguridade agardando na rúa. Tres días sen poder falar cun médico e aínda por riba levou unha rifa no centro de saúde por achegarse a pedir axuda. Pero todo ben, como dixo Josefina Fernández responsable de DomusVi a culpa será das familias. Cemento armado é pouco.

comentarios