Opinión

Falta de pericia

Cando as veciñas e veciños de Verín veñen de rememorar que hai xusto un ano se anunciaba o peche do paridoiro, intento desbaratado pola loita cidadá e das e dos profesionais do hospital comarcal e pode que tamén un pouco ou un moito polo medo a pagar moita peaxe nas eleccións, coñecemos a noticia do intento de inhabilitación de Javier Castrillo o xinecólogo que abanderou a denuncia do peche. Mentres o PP alza a voz contra a Ley Celáa dicindo que vai en contra das liberdades e non sei que máis…

A apertura do expediente por parte do xerente da área sanitaria de Ourense contra Castrillo, cara visible da defensa do paridoiro, atufa a castigo e a vinganza cociñada a lume lento. Un ano despois e cando aínda non se fixeron públicos eses informes e argumentos de sociedades científicas nos que se baseaba a decisión de pechar e que esgrimiu no propio Parlamento galego o presidente da Xunta, atopámonos con esta lamentable información.

Faltaba "pericia" dicían dos xinecólogos, logo recuaron dende a Consellería de Sanidade pero os profesionais non esquecen e aínda agardan esas publicacións e mesmo hai meses que as pediron por rexistro. Non só ninguén lles pediu perdón por dicir que xa non estaban capacitados para atender ás mulleres, senón que agora a cara máis visible de todos eles ten que soportar a ameaza de se ver inhabilitado. Pero de liberdades falan algúns…

Onde están eses documentos que indicaban que había que pechar Verín por razóns de seguridade e falta de pericia? Dicían debemos lembrar, que había menos nacementos pero polo que me contan este ano 2020 e a falta aínda do que aconteza en decembro xa sobrepasaron os cen!

Os nacementos sempre son motivo de ledicia, que sexan en Verín a estas alturas co paridoiro a pleno rendemento aínda máis. O nome desta comarca comezarían nunhas semanas hai un ano a dar a volta por España pola dignidade na defensa da sanidade pública e contra o intento de desmantelar o hospital comarcal. Agora todas e todos deben de sacar a cara por Castrillo

Comentarios