Opinión

Falacias

Os meus derradeiros traballos para a TVG consistiron en dirixir e presentar, un clásico dos veráns televisivos, programas especiais variados de festas que se suceden cada ano e que cambiando a produtora ou as presentadoras e presentadores están cortados todos polo mesmo patrón.

Din o salto despois dunha década facendo informativos na radio á televisión autonómica pensando en facer algo de xornalismo, pero finalmente pouco máis fixen que dar paso a directos nos que, e cito literal, “ver xente comendo e bailando” era a grande aposta. Moitas tomamos eses especiais como única saída para seguir traballando no verán, porque cando paraban os grandes programas os equipos padeciamos a precariedade e a obriga de elixir entre ir ao paro ou ilustrar as galegas e galegos un ano máis sobre as procesións dos Milagres ou a fe no San Benitiño de Lérez.

Co acontecido no Land Rober, e coñecedora do funcionamento da cadea, o máis lamentable é o intento de tomadura de pelo da CRTVG botando balóns fóra. O programa sabía que ter forzado ese encontro da vítima cun ex mozo controlador e machista estivo mal, por iso curtaron parte do material. Pero aínda así, a historia formou parte da emisión. As desculpas viñeron despois e tamén a gran farsa da CRTVG.

Cando faciamos romarías e programas especiais gravabamos durante o día, tiñamos para editar e montar o programa de 70 minutos apenas un par de horas porque a iso das 20 horas a TVG tiña que ter sobre a mesa o programa completo para supervisar que non houbese erros.

Pero incluso antes da gravación tiñamos que pasar unha escaleta de contidos para a súa aprobación.

Mesmo para ver xente comendo empanada, cantando e mercando estampiñas do santo de quenda había unha supervisión! Por iso que veñan dicindo que non son responsables do contido dun programa, emitido en falso directo e editado con antelación para o prime time reflexa un intento descarado de engano.

Precisamos delegadas de xénero nos medios de comunicación e a formación en materia de igualdade e violencia para evitar episodios como o protagonizado a pasada semana.  A presenza dunha figura responsable da perspectiva de xénero é unha petición primordial na que dende Xornalistas Galegas levan insistindo dende a súa fundació

Comentarios