Opinión

Eutanasia

A aprobación da lei que despenaliza a Eutanasia era unha débeda social que non me pode alegrar máis. Hai anos que teño o convencemento da necesidade de regular a morte digna, pero hai con exactitude catro e medio que non tolero a quen ousa defender na miña presenza o contrario. As que tivemos a dolorosa experiencia de perder un ser querido sufrindo non podemos máis que desexar que ninguén pase por tortura semellante. Miña nai, Xulia, custa aínda pronunciar e até escribir o seu nome, morreu por mor dun cancro de pulmón. Tiña 64 anos e unha vitalidade de avoa primeiriza que era a envexa do barrio. As derradeiras horas confirmáronnos o peor dos escenarios posibles, e como se despedir unha nai non fose cru dabondo, vivimos un castigo que faría aínda máis traumática a perda. 

Os últimos meses estaba en paliativos na miña casa, pero no momento final tivemos que ir ao hospital porque non era posible conter a dor no domicilio. Aínda sabendo que ingresaba para morrer, fixeron que pasase o cribado de urxencias no Álvaro Cunqueiro. Analíticas, termómetro… 

Miña nai ingresou porque morría pero era "o protocolo" pasar por todos eses trámites obviando mesmo os mínimos paliativos regulados nese momento. A médica de urxencias dixo que sería cuestión dunha hora como máximo, nun box de urxencias mama e máis eu, e os meus irmáns e pai agardando fóra. Pero esa hora que estimaron pasou, e outra…

E subírona ao fin a planta para que puidésemos estar xuntos. A atención do persoal de oncoloxía foi impecable, miña nai tiña o corpo desfeito, pero era nova e forte de mente e resistiuse. Tiña dor pero as enfermeiras estaban de “mans atadas” como elas mesmas lamentaban. E vaia se sufriron con nós as máis de 30 horas de agonía. Neses intres tería feito o que estivese na miña man por darlle o descanso que miña nai e tantas nais, pais, irmás ou fillas merecen. 

Alá as conciencias dos que votan en contra desta lei, en contra dunha despedida digna e sen sufrimento para os que marchan e para os que quedan. Esas horas finais foron un trauma e dor engadida. Oxalá esta lei existise o 14 de xullo de 2016 cando o mundo parou. 

Comentarios