domingo 09/05/21

Envoltorio

Apurei as horas para escribir a miña derradeira columna deste maldito ano, é domingo, case luns, e levo todo o día abrindo e fechando as redes sociais, quedando cada vez con máis cara de papamoscas. Decátome de que falo moito desde a perspectiva de nai cando escribo esta opinión, e de novo neste día histórico no mundo e nomeadamente en Europa e España á cabeza só me veñen paralelismos cos comportamentos das crianzas que coñezo. Nestas datas de Nadal, imaxino as cativas e os cativos abrindo os seus agasallos máis prezados. Despois dun ano para esquecer, tamén para elas e eles, velaí están coa grata sorpresa de atopar ese xoguete soñado que con tanta ilusión pediron a Papá Noel. Por máis que recreo a escena na cabeza de todas as reaccións posibles, dende logo que o que nunca imaxino é unha protesta polo envoltorio, como que non o vexo. 

Que mágoa de vida, aínda que non podo dicir que me colla de sorpresa, asistir a semellante esperpento da dereita nunha xornada tan agardada e necesaria para acubillar esperanzas como o comezo da vacinación fronte á Covid. Entre moitas cousas tristes deste 2020, ideoloxía á parte, ver que hai quen está máis disposto a rapinar rédito político antes que arrimar o ombreiro nunha situación tan delicada xa é para botarse a durmir. 

Semella unha brincadeira todo, os mesmos que poñen e se apropian da bandeira española adornando máscaras, pulseiras, gorras e ata as luces de Nadal no caso do alcalde de Madrid, teñan a ocorrencia nun día histórico de investir o seu tempo en criticar o envoltorio das vacinas… Restando a conquista da ciencia, 2020 será sen dúbida o ano das científicas e científicos, pouco se salva. Nin saímos máis fortes nin máis unidos nin con máis sentido común! 

Deixamos atrás o ano da pandemia e das miserias políticas, o ano do medo, da indignidade nas residencias, das sanitarias e sanitarios que seguirán en precario me temo, dos negacionistas que semellan saídos da idade media… Disque hai grandes esperanzas depositadas en 2021 pero con este panorama e aínda que se lle poña freo á Covid-19 eu de vós non tiraría foguetes. 

comentarios