xoves 06/05/21

Desconfianza cega

Cando todo apunta a un novo confinamento en cuestión de días e o barullo e a  lea ideolóxica e a crispación partidista continúan a ser o pan noso de cada día deixando en segundo plano a loita contra o virus, sorprendía nas últimas horas unha historia normal coma a de Pablo Alcaide en Logroño e os seus amigos limpando as rúas tras os disturbios da noite. Unha escena compartida e aplaudida masivamente que defino como normal porque estou convencida de que a xuventude en xeral está representada por eses rapaces. O que me custa é crer a moitos dos que parabenizaron esta iniciativa, igual que se volvemos ter que nos confinar na casa non poderei crer xa moitos dos aplausos que pode que volvan aos balcóns e fiestras para animar a sanitarias e sanitarios ou ás traballadoras e traballadores esenciais.

Dende hai unhas semanas non sinto máis que desapego e unha cada vez máis gran desconfianza cega cara a todo o que leo, escoito e vexo, mesmo se se trata dunha historia positiva coma a de Pablo, e teño medo. Medo porque hai meses cando estabamos pechados na casa pensabamos que sairiamos mellores desta crise, máis unidos, reforzados e conscientes do valor dos nosos seres queridos, da sanidade, do público, das liberdades, da democracia… Pero a que imos aferrarnos nesta segunda volta despois do espectáculo ao que vimos asistindo?

Imaxino que será normal e común esta sensación de baleiro e ansiedade, pero quería compartila e reflexionar arredor da deriva política e social, alimentada nos medios de comunicación e que considero ten moito que ver coa irrupción dun partido de ultradereita como Vox. Ás portas do 20-N, penso que a normalización e o branqueo do discurso de odio de Vox e de parte da dereita nestes dous últimos anos tróuxonos ata este punto.

Señor Feixóo, vostede que tanto critica o estado de alarma por atentar, di, contras dereitos fundamentais, confinen vostedes a ultradereita das institucións onde lles abriron as portas e logo igual poderán ter algo de credibilidade cando falen de liberdades.

comentarios