Opinión

Conta nómina Caixanova

Un momento sinalado na miña vida laboral foi o momento no que abrín unha conta nómina en Caixanova. Vinte e poucos aniños e un contrato estable na radio ben merecían entrar pola porta grande da central en Vigo da finada caixa de aforros e saír cun agasallo molón baixo o brazo e un contrato cero comisións pola miña confianza depositada na entidade de aforros de Vigo, Pontevedra e Ourense. Non choveu nin nada dende aquela!

Anos despois, e a pesar de ver o padecemento dos afectados polas preferentes no exercicio da miña profesión, de asistir cada día durante moito tempo as súas protestas cazola en man na rúa Colón con García Barbón, de vivir o esperpento da fusión impulsada por Feijóo con Caixa Galicia ou da súa posterior entrega case como agasallo a un banco privado venezolano, aínda manteño esa contiña aberta.

Non sei se descubrir un día que Juan Carlos Escotet seguíame no Twitter exerceu algún influxo en min, xa que a pesar de que o de cero comisións pasou a historia, a día de hoxe manteño esa conta. Ter un seguidor presente na lista Forbes non é cousa que aconteza todos os días podería dicir ao meu favor.

Pode tamén, que sexa unha galega nostálxica do que foron as antigas caixas de aforros galegas, ou pode tamén, que en realidade sexa unha galega algo parva porque dese espírito das caixas pouco ou nada queda hoxe.

Desas cinzas ergueuse Abanca, entidade que desde a súa creación non deixou de medrar en beneficios anuais, 405 millóns de euros no 2019, case un 7% máis que no 2018, pero que neste contexto de beneficios continuados, vén de aplicar unha nova comisión semestral. Unha comisión unilateral e abusiva de 50 euros aplicada desde o mes de xuño pola xestión e mantemento das contas correntes e de aforro. Unha decisión que non precisa da fiscalización do Banco de España e que impoñen nun momento ademais de fonda crise económica e social derivada da Covid.

Así que, non esquezamos se é que queda algunha ou algún nostálxico coma mín, que estas comisións afectan fundamentalmente a pensionistas, perceptores de rendas baixas, de rendas de integración social ou desempregados.

Quero rematar enviando un saúdo ao Instituto Galego de Consumo e Competencia cuxa obriga é velar polos intereses de galegas e galegos. Hai alguén aí?

Comentarios