Opinión

Cayetanos de morado

Digan o que digan esta semana e o vindeiro 8 de marzo, políticos e persoeiros varios sobre Igualdade a min todo me vai soar a pura falacia. Acabaron as oportunidades. Logo dun ano criminalizando o 8-M, logo dun ano no que asistimos a manifestacións diversas, da escola concertada con mareas laranxas ante o Congreso e por todo o territorio nacional, da ultradereita e a dereita, dos Cayetanos, dos negacionistas…

Agora o debate da pandemia é coma sempre o 8-M. Fixádevos se precisamos reivindicar este ano máis que nunca a marea feminista, que a única manifestación da que se fala e se debate é esta. Tanto é así que moitas e moitos se aventuraron xa a anunciar que non sairán ás rúas por responsabilidade. Que quede clariño que somos responsables e pasamos de manifestacións (neste caso). Que necesidade tiñamos de poñer distancia e de seguir este noxento e macabro xogo da dereita e da ultradereita en contra de todo o que cheire a feminismo?

No meu caso teño serias dúbidas de como debo reivindicar e participar este ano. Evidentemente pesa a conciencia do que estamos a vivir e as consecuencias dramáticas da pandemia a todos os niveis. Recoñezo que teño ese debate interno de se me manifestar ou non, de se facer folga ou non… Son tempos difíciles, tempos de moita ansiedade, pero se algo teño claro é que seguindo as recomendacións dos expertos sanitarios, temos que ocupar dalgún xeito espazo público este 8 de marzo.

Non sei que fórmula será a máis axeitada, nin teño o coñecemento e a ousadía de mollarme. Pero nestas liñas de opinión a miña achega é lembrar que ás poderosas razóns de sempre, violencia física, psicolóxica, sexual e laboral que padecemos as mulleres temos que sumar que unha vez máis as mulleres somos as principais pagadoras tamén da pandemia. Sempre no punto de mira! Cambiemos o morado polo laranxa, ou quitemos a máscara como os negacionistas Cayetanos a ver se así pasamos desapercibidas.

Comentarios