Opinión

Casados contra solteiros

Nunha das semanas do confinamento durante o estado de alarma tiven unha boa lea no Twitter, con irados entusiastas do PP en Galicia, por comentar unha publicación na que se valoraban as famosas bágoas negras de Isabel Díaz Ayuso nun acto relixioso organizado na Almudena. Eu cuestionaba a esaxerada e estudada ausencia de waterproof da presidenta madrileña ante as cámaras, un debate polo que me chamaron dende insensible ata cousas menos bonitas por non entender a “dor” dunha muller que estaba, dicían, sufrindo moitísimo coa pandemia. Claro que si, guapis!

Logo xa todos o corroboramos co momento bocata foodtruck de calamares no Ifema, bailes varios e esta pasada fin de semana soltando unha nova perla de sensibilidade coma esa afirmación de "non se trata de confinar ao cen por cen dos cidadáns para que o 1% contaxiado se cure”.

A presidenta madrileña continúa suspendendo asignaturas unha e outra vez e xustificándose co coñecido é o profe (Goberno central) que me ten manía. Un discurso moi familiar para todas e todos reforzado por un Feixóo que sae na defensa de Ayuso en canto ten oportunidade.

Un Feixóo que sendo a Xunta a Administración menos transparente na publicación de datos e xestión da pandemia, sae dicindo que os argumentos do Goberno central son “parciais, improvisados e incompletos”.

Aquí seguimos sen saber dos rastrexadores, sen coñecer os criterios de realización e notificación de probas PCR e hai colexios que están sen comedor aínda porque a Xunta non asumiu nin responsabilidades nin protocolos e tardou semanas en sentarse coas Anpas. Non digo nada das residencias tan vulnerables ou máis que hai 7 meses!

Feixóo cambiou os conselleiros de Sanidade e Educación, o director xeral de maiores, pero a xestión da pandemia é inmellorable. Ayuso é tamén unha gran líder que o que debe de ter é moi mala sorte porque se facemos reconto das dimisións e baixas por imputacións no seu Goberno ao longo dun só ano van 13 en total, teñen para montar un equipo de fútbol ao solteiros contra Casados. Ayuso e Feixóo por suposto no segundo.

Comentarios