Opinión

Cameo emérito

Tardei máis da conta en sentar a ver a serie do caso Nevenka a pesar de que lle tiña moita gana. Tanto agardei que case esquecín que a tiña pendente, ata que lendo a prensa e co gallo da moción de censura en Castela e León ao goberno presidido por Fernández Mañueco, lembrei as declaracións no seu día de Mañueco e como hai poucos días nunha entrevista evitaba, 20 anos despois, censurar ao que fora o seu compañeiro e protagonista da primeira condena por acoso sexual neste país, Ismael Álvarez. En concreto, Mañueco preguntado pola estrea da serie limitouse a cualificar de “feitos desafortunados” o acontecido en Ponferrada naqueles anos. Vinte anos despois, ben podería o presidente autonómico aproveitar para corrixir a lamentable postura que mantivo daquela despois da sentenza. Mañueco, conselleiro nese ano de Presidencia, defendía a xestión do condenado asegurando que "non pode haber relación entre unha situación persoal e unha situación de xestión política". 

Encolle o estómago revivir o calvario e a soidade que padeceu Nevenka, unha muller esquecida de non ser por este documental. Ela, a vítima, tivo que marchar ao estranxeiro, mentres que o ex alcalde popular e acosador por sentenza, continuou coa súa vida con toda a impunidade dunha sociedade machista que acubilla a criminais sen pudor ningún. 

Cantas Nevenkas había daquela e seguirá habendo hoxe agochadas. Hai políticos que nunca censuraron o acontecido. Hai centos de veciños e veciñas de Ponferrada que saíron ás rúas a defender ao acosador. Que non tiveron a máis mínima vergoña, empatía nin decencia. Sona ten o cameo desa veciña que participa na mobilización en defensa do alcalde dicindo “a min non me acosa ninguén se eu non quero!”

Pero para cameos destacados temos o do rei emérito. E que este home seica está en todas as enleadas!

Na serie, Nevenka conta como en setembro de 1999 na visita dos reis a Ponferrada, Juan Carlos dirixiuse á concelleira para dicirlle “es moi guapa”.

Nevenka gañou nos tribunais pero perdeu unha vida e estar preto dos seus. Ismael segue sendo un orgulloso empresario residente en Ponferrada.

Comentarios