Opinión

Ayuso a través do espello

Hai unas semanas escribía sobre a coincidencia da estratexia e o discurso do presidente Feixóo e a súa homóloga madrileña Isabel Díaz Ayuso e hoxe de novo hai que censurar o que semella unha nova mostra de que o goberno popular da Xunta está asumindo os modelos irresponsables para enfrontar esta segunda vaga da pandemia.

Casualidade ou non, eu penso que non, esta fin de semana algúns medios falaban dunha lixeira baixada dos casos covid na comunidade pero algúns sen contextualizar que como hai un mes xa aconteceu en Madrid, esta pasada semana o número de probas PCR realizadas con respecto a semana anterior reduciuse en case 10.000. Fronte ás 50.695 PCR realizadas hai dúas semanas, foron 41.700 as realizadas esta semana que vimos de rematar. Oxalá de verdade baixen os datos, pero toda esta maneira de proceder non da moita confianza.

O que estamos vivindo os pais e nais con nenos en idade escolar é o mellor exemplo da ausencia de protocolos estrictos, claros e responsables. O domingo conversando con varias nais con fillas e fillos en distintos colexios de Vigo, comprobamos como con casos positivos en todos eles as decisións variaban camaleónicamente mentres as familias xa non sabemos a que nos amarrar. Tras convivir cun positivo activo nos últimos días, nalgún caso só se decide illar a un par de nenos da clase,  pero para o resto de alumnos e mesmo para os profesores e titores ningunha medida. Hai casos nos que os responsables educativos se atopan coas mans atadas. Hai pais e nais ás que se lle está recomendando desde os centros non levar aos nenos a clase por precaución, pero sen medidas oficiais da Xunta non poden xustificar no traballo quedar na casa e a situación é insostible. Nin certezas, nin axilidade, nin rastrexo algún! Oxalá estea equivocada e a diminución estes días de probas PCR e a baixada das esixencias para confinar as aulas con casos positivos sexan unha simple casualidade.

Comentarios