Opinión

Adenocarcinoma

Aínda que unha non queira ler lixo na prensa hai días que nin poñendo todo o esforzo. Este domingo foi un deses días. Perdín a conta de en cantas edicións dixitais atopei artigos sobre a “milagreira” recuperación do cancro do médico Spiriman. O mesmo día no que se convertía en tendencia falar do cancro pola entrevista póstuma a Pau Donés, almorzamos con ducias de artigos nos que se deu publicidade ás afirmacións deste personaxe.

O termo carcinoma de pulmón é máis que familiar para min, por iso púxome enferma ler en tantos medios que fixeron de altofalante as perigosas mensaxes deste individuo. 

"Eu aferreime a que o que loita e o que quere vencer esta enfermidade, vive”, afirmou o doutor milagre. E unha merda ben grande Spiriman! Esa é a miña resposta para él, e outra merda ben grande para os que lle dan voz sen reparar nas consecuencias para as e os enfermos oncolóxicos e para todas e todos os que perdemos familiares por mor dun cancro. 

O certo é que o que diga este tipo tanto me ten, pero o de ir pedir á Virxe igual vai ser o único remedio que queda para o xornalismo. Twitter cancelou a conta deste home pero xa estamos logo na prensa para darlle voz cando afirma estar sandado por unha milagre e pola forza interior!

O peor de todo é que cando tes un ser querido cun cancro, a miña nai morreu con adenocarcinoma de pulmón con 63 anos, pasas momentos de tanta desesperación que o único abeiro que atopas é pasar noites enteiras buscando en internet probabilidades de cura e esperanzas de vida noutros casos. Por moito que che digan o malo que é buscar na rede, son tantas as horas de desvelo que é común buscar acubillo nas experiencias doutros enfermos. 

No meu caso aínda doe tanto que recoñezo que non fun quen de ver a entrevista a Pau Donés. Hai 4 anos e 7 meses que morreu miña nai, ela tiña moitos motivos para vivir, o máis importante tiña daquela catro anos, pero como querer non é poder se falamos do cancro deixádeme que remate igual de escatolóxica que unhas liñas máis arriba: unha merda para o adenocarcinoma e unha merda para Spiriman e os seus altofalantes.

Comentarios