Opinión

Acunhados

Onte presentouse Escolma Aberta en Vigo, trátase dun libro-disco moi especial que une música, poesía e pintura nunha homenaxe á cultura galega coa voz dun gran amigo que merece que este traballo chegue lonxe. A sempre valente Editorial Elvira está detrás desta xoia en forma de dez poemas de Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, Alfredo Conde, Manuel Curros Enriquez e Bernardino Graña Vidal interpretados polo amigo Alberto Cunha.

Tiven a sorte de participar neste traballo acompañando cunhas palabras un dos poemas. Na editorial ofrecéronme escribir do poema de Alfredo Conde, Os Corpos, no que se asevera algo tan presente neste ano como que “… a anguria é o único sentimento certo e nin tan siquera ise”.

Nesta columna falei en diversas ocasións sobre a ansiedade que forma parte das nosas vidas, especialmente nestes tempos de pandemia. Unha ansiedade que compartimos tantas e tantos e da que xa non temos vergoña a recoñecer. Mais a anguria e a ansiedade non son algo novo, só temos que ler poemas como

Os Corpos que co paso do tempo rexurden cunha forza que afoga.

A tarefa máis complicada foi facer unhas liñas falando de anguria e de Alberto Cunha, porque tal e como escribín no libro-disco, fronte a esta anguria que nos rouba o sono e o aire a voz de Alberto Cunha sempre transmite sosego e cousas boas.

Alberto Cunha é sinónimo de talento, de amizade, de resiliencia… Con seis anos xa compoñía, agora actúa, imita, presentou programas na televisión… Para moitos Cunha é ese imitador talentoso e simpático que soa pola radio con Jacobo Buceta, pero é moito máis. Penso que este traballo é unha das oportunidades que merecía, así que co voso permiso aproveito para recomendar Escolma Aberta e todo o que en adiante fagas querido Alberto.

Comentarios