Opinión

Activistas de que

"Os xornalistas teñen que ser activistas radicais en defensa do dereito á información dos cidadáns", son palabras do xornalista Manuel Rico, recoñecido co premio José Couso de Liberdade de Prensa pola súa investigación sobre o acontecido nas residencias de maiores no libro Vergüenza.

Pero no que afecta á reparación dos graves erros que arrodean o negocio do coidado das nosas e dos nosos maiores, non podemos chamalo doutro xeito que negocio, pouco activismo atopamos. Máis alá dalgunhas investigacións coma a de Rico, pouco percorrido vemos nos medios de comunicación do drama e do escándalo. Pasamos de contar mortos a diario nos titulares, por crúa que resulte esta expresión, a informar do éxito das vacinas nos xeriátricos, pero de erros e de reparación nin unha soa reflexión! 

Namentres, os familiares manteñen toda esa dignidade da que veñen facendo gala desde hai un ano e xuntan esforzos nesa nova plataforma estatal na que a asociación galega Rede é unha das principais protagonistas. 

Un impulso galego máis que comprensible, xa que por desgraza, aquí tocounos padecer máis de preto este salvaxe modelo privatizador. 

O propio Defensor do Pobo no seu último informe anual critica os protocolos que impediron as derivacións das anciás e dos anciáns aos hospitais, pide inspeccións, máis persoal e, en definitiva, un cambio de modelo. 

Pero aquí esta mensaxe, dá igual de onde veña, nunca penetra na Xunta de Galicia. Un goberno galego que mirou cara a outro lado antes, durante e que seguirá mirando cara a outro lado porque aquí activismo hai pouco. Seguiremos con este modelo mercantilista e deshumanizado até que, por desgraza, pode que algún día nos toque vivir a experiencia de ter que ingresar a nosa nai, pai, irmá ou irmán nun destes negocios. 

Lugares mantidos con inxentes cantidades de cartos públicos que esqueceron hai tempo o benestar das e dos maiores, que non permiten algo tan fundamental como a liberdade de movemento…

Sexa benvida a nova realidade nas residencias co proceso de vacinación, pero o dereito á verdade aínda non atopou cura.

Comentarios