Opinión

O 21 de Xuño rodeamos o Parlamento

Despois dun 22 de marzo histórico, día no que as Marchas da Dignidade tomaron Madrid nunha aposta de unidade sen precedentes e cun éxito de mobilización evidente, seguimos a reclamar pan, traballo e teito, na rúa, onde se arranxan as problemáticas que atinxen ás clases populares. Advertiramos xa daquela que conformamos unha desas estratexias aglutinantes de todos os sectores e sensibilidades para quedármonos até botar abaixo o Réxime. 

Despois dun 22 de marzo histórico, día no que as Marchas da Dignidade tomaron Madrid nunha aposta de unidade sen precedentes e cun éxito de mobilización evidente, seguimos a reclamar pan, traballo e teito, na rúa, onde se arranxan as problemáticas que atinxen ás clases populares. Advertiramos xa daquela que conformamos unha desas estratexias aglutinantes de todos os sectores e sensibilidades para quedármonos até botar abaixo o Réxime. 

"Na Plataforma Galega das Marchas da Dignidade ten collida calquera organización ou movemento social. Nas Marchas da Dignidade non se lle pechan as portas a ninguén, non nos cansaremos de dicilo". 

Na Plataforma Galega das Marchas da Dignidade ten collida calquera organización ou movemento social. Nas Marchas da Dignidade non se lle pechan as portas a ninguén, non nos cansaremos de dicilo. Mesmo as portas seguen abertas aos sindicatos hexemónicos que deberan ter convocado unha folga xeral xa hai tempo e por algún motivo que descoñecemos, non o fan. Pero a folga chegará, non o dubidedes. Mentres tanto, é a sociedade civil, que non ten atadura ningunha co sistema, a que se ve na obriga de contestar tanta inxustiza.

Vivimos nun réxime rexido pola ditadura do capital que ten no desemprego a cantidades inxentes de persoas capacitadas que arestora poderían estar producindo. A masa traballadora inactiva ve incrementar a súa desesperanza soportando insultantes recortes nas prestacións, aguantando a cada vez máis palpábel precariedade laboral ou tendo que optar polo drama da emigración, ou mellor dito, exilio económico, a crúa realidade da nosa mocidade. Desta maneira non imos cara ningures, polo que cómpre darlle unha resposta efectiva a esta situación acumulando forzas nos diversos sectores da sociedade crítica e descontenta, a maioría da poboación.

Imos a por uns obxectivos que son moi claros, moi nítidos e moi doados de entender. Non nos deixamos enganar por aqueles que só buscan a división e a discordia. Queremos traballar, queremos comer sen ter que recorrer á caridade (a beneficencia xa non dá avío) e queremos ter un fogar, sen medo a que nolo arrebate o banco. 

"Queremos traballar, queremos comer sen ter que recorrer á caridade (a beneficencia xa non dá avío) e queremos ter un fogar, sen medo a que nolo arrebate o banco". 

Ademais disto, temos que soportar que un señor que foi elixido a dedo polo ditador fascista Franco para gobernarnos, simplemente polo seu sangue, agora faga o mesmo co seu fillo, impoñendo unha monarquía corrupta e deslexitimada, que ninguén quere. Temos que ver como os partidos do Réxime (PP e PSOE) volven a pactar algo en contra do que as rúas reclaman: a celebración dun referendo para exercer o noso dereito a decidir sobre que modelo de Estado queremos, para impedir que o pobo fale e decida, algo básico nunha democracia. Pero é que esta non é unha democracia, pese a que traten de lle dar esa apariencia. Non hai democracia con centos de miles de persoas sen prestacións por desemprego, onde hai decenas de desafiuzamentos todos os días, onde hai un 33'8% de pobreza infantil segundo Eurosat, onde non se recoñece o dereito de autodeterminación, onde manda máis a Conferencia Episcopal que as cidadás, onde unha persoa migrante non pode recorrer á sanidade pública...

Este panorama non deixa outra alternativa ao pobo que o de tomar medidas necesarias para defender as nosas vidas e recuperar a nosa dignidade, posto que as políticas anti-sociais que aplican nas institucións as forzas neoliberais non permiten que a xente común poidamos facelo. Se pensas que estamos a esaxerar mira a tarifa da luz deste mes ou as taxas que se están aplicar na educación universitaria, o encarecemento de matrículas e a eliminación de bolsas... Observa o funcionamento dun centro de saúde público, a precariedade, o peche de camas, a derivación a centros privados... Todo iso regúlase nos parlamentos. Por tanto, cómpre seguir tomando a rúa nunha resposta enérxica como a que estamos a artellar para este día 21 de xuño, e que terá lugar en todos os parlamentos territoriais do Estado Español.

"Cómpre seguir tomando a rúa nunha resposta enérxica como a que estamos a artellar para este día 21 de xuño, e que terá lugar en todos os parlamentos territoriais do Estado Español".

As eleccións europeas foron un claro berro das persoas no que dixemos que non queriamos máis austeridade, que non queriamos máis enganos. O 25 de maio, ao igual que o pasado 22 de marzo, o Réxime tremeu, porque batemos nunha das patas fundamentais do Réxime, ao bipartidismo. Debemos e poderemos acabar con eles, pero ten que haber e seguirse a consolidar un reagrupamento de toda a esquerda rupturista e dos movementos sociais. E, como axentes sociais que somos, non podemos ficar alleos a esa realidade. Temos que interactuar con todas as forzas que se opoñen a unha nova transición nos termos nos que se dita dende a aparataxe do Estado. A resposta por forza ten que ser unitaria. No plano político e no das mobilizacións. É unha demanda social, temos que estar á altura. 

En lugares como o que imos rodear o día 21 apróbanse leis para eliminar dereitos fundamentais das mulleres como é o aborto. En lugares como os que imos rodear este sábado decídese que non haberá reprodución asistida para mulleres lesbianas, bisexuais con parellas do mesmo sexo ou solteiras. En lugares como o Parlamento galego apróbanse lexislacións que nos venden como avances e que logo non se cumpren. As conquistas sociais, como as do colectivo LGTBI, son consecuencia das mobilizacións e loitas nas rúas, do activismo e organización das persoas para reclamar o que nos pertence por dereito: sigamos o seu exemplo!

Eu,  como persoa LGTBI, estarei nas rúas o 28 de xuño, día do noso Orgullo. Pero tamén estarei como persoa LGTBI o 21 de xuño rodeando pacificamente o Parlamento galego, porque temos que pular pola loita común de toda a sociedade contra o capitalismo salvaxe e as políticas inxustas da Troika; mulleres, mocidade, persoas LGTBI, migrantes, con diversidade funcional... Porque somos pobo, e porque reclamamos algo do que ninguén pode estar en contra (pan, traballo e teito), o 21 de xuño imos concorrer polas rúas de Compostela e, dende a estación de tren ás 12:00, iremos entrando en masa polo Hórreo, nun acto de dignidade e de rebeldía. Queiran ou non queiran. Porque só podemos vencer.

Noel Dopazo Vázquez

Activista LGTBI

Comentarios