Opinión

Soberanía, único futuro certo para Galiza

As persoas organizadas no BNG sabemos que o proxecto daquelas que aspiramos a unha Galiza libre e popular é partillado por múltiples actores sociais e políticos que van alén destas siglas, cun peso altamente desigual entre si no conxunto do soberanismo galego.

As persoas organizadas no BNG sabemos que o proxecto daquelas que aspiramos a unha Galiza libre e popular é partillado por múltiples actores sociais e políticos que van alén destas siglas, cun peso altamente desigual entre si no conxunto do soberanismo galego. Aínda máis, somos conscientes da existencia de moitos e moitas nacionalistas e independentistas aínda non organizadas, ou que o estiveron noutro momento e se encontran decepcionados coas diversas traxectorias dos actores orgánicos, ou que escolleron outros espazos de participación entre os moitos existentes para a acción social.

 "Urxe actuar para mostrar colectivamente ao conxunto da sociedade un proxecto autónomo e autocentrado. Un proxecto que efectivamente vaia alén de siglas partidarias, que sofren hoxe en día, interesadamente, unha desvalorización na súa percepción social" 

Independentemente do noso xeito de ver esta realidade, somos moitas quen hoxe constatamos a debilidade social do soberanismo en diversos campos, e observamos con preocupación o momento complexo que atravesa o proxecto nacional, onde os problemas e necesidades do país fican opacados por prioridades externas e proxectos que non ofrecen futuro a longo prazo para Galiza mais que contan hoxe con ampla difusión.

Neste contexto os pasos a dar adquiren unha importancia aínda maior. Por iso, se antes non foi posíbel, urxe actuar para mostrar colectivamente ao conxunto da sociedade un proxecto autónomo e autocentrado. Un proxecto que efectivamente vaia alén de siglas partidarias, que sofren hoxe en día, interesadamente, unha desvalorización na súa percepción social como elemento vertebrador, mais que continúan a ser imprescindíbeis como máis unha ferramenta para a transformación social. Un proxecto con capacidade de resolver os problemas que afectan a sociedade galega desde unha óptica liberadora e de esquerda, con miles de persoas como corpo organizado, o maior do país, e unha ampla base social. 

Cómpre non desaproveitar, pois, unha data tan referencial como o Día da Patria para esa tarefa como expresión da ligazón da loita pola liberación nacional e a social. Explicar claramente, e explicitar todo o posíbel, que a unión de ambas cuestións na Galiza é fundamental para construír un futuro digno e que non imos renunciar a ningunha delas. Neste sentido, un dos retos que temos colectivamente é elevar a confianza do propio pobo nas capacidades de seu, nas solucións que pode ofrecer o soberanismo e en todas as vitorias que nos quedan por conquistar. 

"Cómpre non desaproveitar, pois, unha data tan referencial como o Día da Patria para esa tarefa como expresión da ligazón da loita pola liberación nacional e a social".

É pois unha necesidade, mais tamén unha responsabilidade, ser quen de andar todo o camiño posíbel con aqueles e aquelas que partillan con nós eses mínimos irrenunciábeis. E ser quen de facelo dependerá, por riba de moitos outros factores, de que se faga desde o respecto ás diferenzas e coa lealdade nas actuacións como un piar inquebrantábel. 

Sen superar as experiencias frustradas que individual ou colectivamente podemos ter é complicado construír en positivo: por iso cómpre ollar esas outras realidades que nos foron demostrando como si era posíbel construír e dar pasos para situar o obxectivo soberanista como o centro da nosa acción por riba das siglas ou proxectos concretos, como demostrou o soberanismo xuvenil os dous últimos anos. Quen vivimos este proceso de preto non podemos negar as súas dificultades, e para moitas é un espazo que neste momento non cumpre todos os obxectivos aos que aspiramos, mais tampouco se pode negar que sen lugar a dúbidas supuxo un paso adiante histórico. Un paso adiante, ademais, que na altura non parecía posíbel mais que finalmente si o foi, con valentía e esforzos por todas as partes.

Porque sabemos que, en calquera campo, avanzar é posíbel cando existe a vontade, cando prevalece a xenerosidade, que non a renuncia, cando se actúa con lealdade e en base ao respecto mutuo superando preconceptos sobre as partes, e situando as prioridades políticas por riba da conxuntura de cada axente.

Comentarios