Opinión

O bosque autóctono e a riqueza do país

Castelao dixo que máis valía unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos. No noso partido político, concordamos plenamente e pensamos que son unha das riquezas máis importantes que temos no país. Son a nosa garantía contra o cambio climático e chaves na transición que temos que acometer. Por iso, temos que preservalos e potencialos para que podan desempeñar o seu papel de pulmóns do cambio e o nicho de emprego verde que todas queremos. Deste xeito, non podemos máis que constatar a necesidade de cambiar o modelo produtivista e extractivo que temos agora mesmo protagonizado por empresas como ENCE que fan que os nosos montes se convertan en monocultivos ou, máis acaidamente, como desertos verdes.

Démoslle un visión histórica a todo isto. Nos anos corenta e cincuenta do pasado século, repoboáronse os montes con especies como eucaliptos e piñeiros. Franco comezaba a senda do extractivismo. Os montes albergaban proxectos mineiros ou servían para crear árbores que foran rapidamente talables e explotables. Así, a finais desa década, creouse a Empresa Nacional de Celulosas de España. Hoxe máis popular como ENCE, xa privatizada dende 2001. Parece que nada cambiou. O modelo segue sendo o mesmo e os beneficios seguen sendo para os mesmos.

O que nós queremos é que o modelo beneficie á cidadanía e as comunidades locais e non a este tipo de empresas. Dende EQUO Galicia queremos virar cara un modelo no que as veciñas podan desfrutar da riqueza do monte, vivir del sen ter que dedicarse ao monocultivo, que empobrece o solo, fomenta pragas e, seguramente, sexa un factor decisivo para que se produzan e intensifiquen os lumes dos que temos noticias, a lo menos, cada verán. As veces, mesmo antes.

Por este motivo, o noso partido propón a creación dun plan integral para o monte. Unha das medidas que recolleremos nese plan serán os incentivos para que as comunidades de montes destinen o 20% da súa superficie para a recuperación do bosque autóctono ou zonas de reserva. Precisamos un ambicioso plan de reforestación para que por cada piñeiro ou eucalipto de mono cultivo que se retire, se plante un castiñeiro, un carballo ou un bidueiro. Apoiamos tamén decididamente todas as campañas de brigadistas ambientais que están agora mesmo esforzándose por “deseucaliptizar” os nosos montes. Nós, pola nosa parte, para apoiar eses esforzos declararemos estes cultivos como especies invasoras e, deste xeito, faremos institucionais estas campañas e as dotaremos de orzamento suficiente. Dentro do noso plan, contemplamos medidas de fiscalidade verde para que os proxectos sostibles teñan incentivos e apoio dende as institucións.

Somos conscientes de que temos que loitar contra os lumes durante todo o ano e non soamente no verán. Isto significa non só que temos que manter activo o dispositivo contra-incendios todo o ano, incrementar a vixilancia con novos medios tecnolóxicos, aumentar as penas aos incendiarios ou imprudentes ou seguir coas campañas de concienciación. Tamén significa que temos que avanzar co monte autóctono e traballar coas comunidades de montes para que estas podan potenciar iniciativas medio ambientais e xerar cooperativas dedicadas aos bosques comestibles, ao aproveitamento madeireiro xusto, ao pastoreo, ao turismo sostible e todas aquelas actividades económicas non destrutivas vencelladas aos montes que permitan desenvolver as súas potencialidades.

Cremos nese círculo virtuoso. Cremos no futuro e nas capacidades dos nosos montes. Só temos que acadar as fórmulas adecuadas para poder xestionalos, crear novos empregos, fixar poboación no rural e desfrutar da súa riqueza e orientala cara o bo vivir.

Comentarios