Opinión

Un voto con futuro

A conversa desenvólvese en ton engrazado, de afiado humor crítico. Isabel Risco interpela o Carrabouxo: Oíches, hai unha cousa que me preocupa; disque falar galego non ten futuro... Como que non ten futuro falar galego? Falaremos galego! 

A conversa desenvólvese en ton engrazado, de afiado humor crítico. Isabel Risco interpela o Carrabouxo: Oíches, hai unha cousa que me preocupa; disque falar galego non ten futuro... Xosé Lois é rápido na resposta: Como que non ten futuro falar galego? Falaremos galego! O diálogo fai parte do vídeo en que ambas as dúas renomadas personaxes animan a votar no BNG-Asembleas Abertas nestas elección municipais. E dado o alarmante da situación da lingua   poderían, porventura, ter engadido aquilo de Non vos riades, porque o conto é triste. Mais O Carrabouxo, na mellor tradición do humor galego e do propio Castelao, sabe imprimirlle á brincadeira unha carga de esperanza que é capaz de nos convencer de que en verdade a nosa lingua ten futuro e que, ademais, depende de nós, de que a utilicemos cada día, todos os días.

"Vimos apelando ao duplo valor do voto no BNG-Asembleas Abertas: derrotar o Partido Popular e o bipartidismo e contribuír para a construción dun proxecto  nacionalista esencial para garantir a existencia política da Galiza".

Coa mesma forza, coa mesma determinación con que o fai O Carrabouxo, debemos conxugar tamén o verbo votar, para non ficarmos apenas co presente, sen dúbida esencial, mais para lle achar a perspectiva de futuro ao noso voto. Sobre todo se nos preocupar o porvir do povo galego, se quixermos que a Galiza teña futuro como nación libre e próspera. 

Á partida, estas son unhas eleccións municipais e, por tanto, a primeira utilidade do voto é a de asentar políticas alternativas nos concellos,  desde unha perspectiva galega e popular, coa puxanza suficiente como para confrontar as políticas antisociais e antigalegas dos gobernos do Partido Popular e de lle gañar terreo, decididamente, ao bipartidismo que sustenta o rexime político español. Mais non só.

Arrebatarlle espazo nos concellos ao bipartidismo actual e nomeadamente a un PP hexemónico no noso País é, por tanto, un obxectivo político esencial. Mais tamén a premisa para podermos  desenvolver políticas favorábeis á maioría social e en chave de País. Porque para nós os concellos non son illas no arquipélago político español. Non. Moi ao contrario: son Galiza, constituíntes basilares da nosa nación e, nesa medida, non sabemos entendelos politicamente senón como facendo parte dun todo que é o noso País. 

É por iso que nesta campaña vimos apelando ao duplo valor do voto no BNG-Asembleas Abertas: derrotar o Partido Popular e o bipartidismo e contribuír para a construción dun proxecto  nacionalista esencial para garantir a existencia política da Galiza. A Declaración Política  Construíndomos a Galiza do século XXI, un País noso e libre, feita durante a campaña, salienta que  a proposta que o BNG-Asembleas Abertas abandeira para os concellos ten perfecto encaixe no proxecto de país que o nacionalismo defende: unha Galiza con poder político real, libre e soberana, que poida desenvolver as súas potencialidades económicas, sociais e culturais, sen inxerencias e en harmonía con todos os povos e nacións do mundo. 

 "Un bon resultado para o nacionalismo nas municipais é, sen dúbida, o mellor punto de partida para consolidar e reforzar a representación galega en Madrid nas próximas Eleccións Xerais".

Mais, para alén disto, destaca algo fundamental e que outras forzas teñen tamén moi presente: estas eleccións son algo máis que unhas municipais. É por iso que aposta en aproveitarmos a oportunidade “para proclamar a nosa soberanía, a nosa vontade de existirmos libremente, como nación que somos, sen dependencias nin subordinacións, só en función dos intereses, necesidades e aspiracións do pobo galego, sen interferencias alleas a nós”. 

No horizonte, relativamente próximo, sitúanse unhas eleccións xerais en que o que está en xogo é a voz da Galiza no Congreso, nun momento político que pode virar decisivo para o noso País. E acho que aquí xa non é preciso recorrer aos principios para defender que só desde a auto-organización, con forzas políticas propias, é posíbel garantir a defensa coherente dos intereses da nosa nación e do povo traballador galego. Por fortuna iso é algo que o nacionalismo xa ten recoñecido pola vía da constatación empírica, conquista do noso traballo consecuente ao longo de moitos anos: apenas o Bloque Nacionalista Galego fala por Galiza diante do goberno de Madrid.  

Con esta perspectiva fica claro que votar no BNG-Asembleas Abertas o día 24 servirá tamén para dar máis forza a un proxecto político nacionalista, presente e actuante en todo o País, chave para avanzarmos no camiño dunha Galiza libre e da construción dunha sociedade nova, radicalmente democrática, xusta e igualitaria. O que agora aconteza en termos de resultados electorais vai condicionar, en boa medida, o que poda acontecer dentro de seis meses. Nese sentido, un bon resultado para o nacionalismo nas municipais é, sen dúbida, o mellor punto de partida para consolidar e reforzar a representación galega en Madrid nas próximas Eleccións Xerais.

Sabemos que no arduo proceso de derrubar o vello, este rexime político cruel e corrupto, para facer nacer unha nova Galiza, son ferramentas imprescindíbeis a mobilización e a organización. Mais tamén somos conscientes de que, neste momento e neste contexto, o voto é unha arma poderosa. Non a desaproveitemos. Sexamos consecuentes: carguémola de futuro.

Comentarios