Opinión

Sobre os 'Novos Pactos da Moncloa'. Pactar, o QUE?

Nesta quinta feira (16) o Presidente do Goberno trasladou ao BNG a proposta de Mesa para a reconstrución social e económica, para un acordo entre todas as forzas políticas sobre as medidas para saír da crise. Unha iniciativa que, até o de agora viñeron denominando “Novos Pactos da Moncloa”.

Sorprendentemente, o Presidente do Goberno non adiantou propostas concretas, senón que se centrou na necesidade de acordos e no procedemento. O BNG, por contra, avanzou a necesidade de políticas verdadeiramente transformadoras, no ámbito social, económico e fiscal, se se quixer garantir unha saída social e xusta de crise para evitar que, máis unha vez -como aconteceu coa de 2008- a paguen os traballadores e traballadoras, as clases populares do noso País.

Porque se algo está claro é que hai dúas alternativas para obter e mobilizar os recursos necesarios para saír desta crise: ou quitarllo aos que menos teñen, pola vía de recortes sociais, redución de salarios e prestacións sociais, privatización de servizos públicos... Ou que o poña quen máis ten. E nós claramente optamos pola segunda.

Por iso, nos debates sobre as medidas que o goberno foi adoptando, o BNG veu facendo propostas nesa dirección. Entre outras, recuperar o diñeiro do fondo de rescate bancario (só en recapitalización dos bancos máis de 60.000 M€ que non foron devoltos; en total as axudas superaron os 186.000 M€);; implantar unha nova política fiscal, realmente progresiva e redistributiva, que grave as grandes fortunas e empresas; reducir o gasto militar, renunciando á compra de armamento previsto (avións de combate EF 2000, satélites de control HISDESAT ou submarinos S-80, cun custo multimillonario), ou nacionalizar as grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, comezando polas que xa foron públicas e que nunca deberon ser privatizadas.

O que de ningunha maneira fará o BNG é apoiar políticas de recortes sociais, privatización ou precarización de servizos públicos ou de recentralización política, que son as receitas habituais do Partido Popular mais que, infelizmente, tamén o foron en moitas ocasións do Partido Socialista.

Esta é a razón por que non partillamos o entusiasmo por un escenario de acordo que se dirixe fundamentalmente á dereita, porque consideramos imposíbel que as medidas verdadeiramente transformadoras que achamos necesarias poidan ser acordadas con forzas como o PP, Ciudadanos ou Vox. 

E o PSOE e Podemos? Porque, se do que se trata é de facer políticas verdadeiramente transformadoras, o goberno que se autodenomina progresista conta xa con apoios suficientes para sacalas adiante entre as forzas que apoiaron a investidura. Por tanto, pactar, o QUE? E, sobre todo, pactar coa dereita, o QUE? Se o empeño for acordar co PP será porque se está disposto a facer o que o Partido Popular pode asumir en materia social e económica e xa sabemos o que é.

Aliás, é claro que hoxe calquera acordo coa dereita pasa necesariamente por políticas de forte centralización, que se veu convertendo no principal leitmotiv da súa actuación nos últimos tempos. Tamén aquí a nosa posición vai na dirección diametralmente oposta, a de que a Galiza conquiste a capacidade real para decidir sobre os seus asuntos de maneira soberana, necesaria para promover un desenvolvemento sustentado sobre as nosas inmensas potencialidades.

Por iso trasladamos a Pedro Sánchez que mudar a orientación das políticas sociais e económicas pasa por procurar acordos á esquerda co soberanismo das nacións do Estado. Ora ben, o PSOE e Podemos terán que decidir o que queren facer. Se o que se quer é reforzar o rexime de 78, hoxe en crise, e o ‘Estado das autonomías’ aí non estaremos. Se de verdade queremos avanzar social e politicamente para saír desta crise, a posición do BNG é clara.

En todo o caso, aconteza o que acontecer e no formato que for, do mesmo modo que viñemos facendo desde o primeiro momento desta crise, o BNG continuará a trasladar propostas para a contencion da pandemia, a recuperación económica e os dereitos sociais das clases populares galegas.

Comentarios