Opinión

O noso horizonte é unha República libre e soberana

Texto da intervención no acto de homenaxe da UPG a Moncho Reboiras, que decorreu en Ferrol o 12 de agosto de 2021)

Complétanse 45 anos en que a Unión do Povo Galego está aquí, en Ferrol, neste día, rendendo tributo ao patriota e revolucionario caído, ao camarada Moncho Reboiras. E facémolo, como acertadamente foi expresado naquela altura, para recoller o seu fusil e o seu exemplo, para reafirmar a nosa fidelidade á causa da independencia nacional e do socialismo á que o noso compañeiro entregou a súa vida.

E todos estes anos remarcamos que, para alén do paradigma de compromiso militante, de valentía e determinación revolucionaria en tempos difíciles, o exemplo de Reboiras condénsase de forma excepcional no traballo de organización do noso povo, na relevancia que prestou á auto-organización dos traballadores e traballadoras e das clases populares galegas en parámetros nacionais e de clase.

Salientámolo porque esa é a chave de bóveda do nacionalismo galego, a que posibilitou a consolidación dun movemento nacionalista determinante na Galiza contemporánea e tamén o que garantirá o avance seguro e determinado para o obxectivo final da soberanía, dunha República Galega soberana.O nacionalismo, como resultado dun traballo coherente e consecuentemente soberanista, gañou nos últimos tempos músculo institucional evidente e incuestionábel. De facto, hai un ano celebrábamos aquí que o BNG viña de se situar coa máis alta representación da súa historia no Parlamento da Galiza e nunha posición inmellorábel para novos saltos institucionais.

Celebrábamolo como o que foi, como un grande éxito político, mais tamén -con humildade e sen triunfalismos estériles- como unha grande oportunidade para o nacionalismo consolidar a capacidade de intervención e influencia social para que os novos pasos a dar fosen firmes e sempre para a frente.

Porque, feliz ou infelizmente, temos experiencias propias e alleas que acreditan que para un movemento revolucionario -e o nacionalismo galego éo-, que se sitúa fóra do sistema por confrontar directamente o réxime que nos oprime como pobo, un éxito electoral pode ser efémero se non for acompañado dun traballo incansábel de expansión e crecemento organizativo e de alargamento da conciencia social e nacional.

É verdade que o éxito electoral facilita a recepción social positiva da mensaxe nacionalista -por iso falaba dunha grande oportunidade- e, de facto, o BNG incorporou centenas de novos e novas militantes nos últimos meses. Mais tamén o é que, para alén das estratexias electorais -sen dúbida moi importantes- o realmente determinante para avanzar é a fortaleza organizativa, a presenza activa ao longo e largo do País e a capilarización por esa vía da mensaxe nacionalista na sociedade. E é, na nosa modesta opinión, nese círculo virtuoso que o nacionalismo terá de se mover, con habilidade, para asegurar o terreo gañado e dar novos e decisivos pasos no camiño da conquista da hexemonía social. Consolidar a posición institucional e fortalecer o músculo social do nacionalismo, eis a tarefa premente dos próximos tempos.

E para xa, coa convicción de que esta é a chave para avanzar, combinando acertadamente traballo social e institucional, trasladamos desde aquí á Portavoz Nacional, a compañeira Ana Pontón, e á dirección da frente, a total disposición da militancia deste Partido para traballar a reo no obxectivo común de fortalecer o BNG e preparalo para os importantes desafíos que temos por diante.

Disposición total tamén a reforzar a auto-organización do pobo galego, as estruturas de autodefensa deste pobo, particularmente nun contexto especialmente complexo en que a crise social e económica non fará máis que se agravar nos próximos meses. O nacionalismo debe estar, como sempre, á altura e con capacidade de liderar o descontento social e de transformalo en resposta organizada, con alternativas xustas para as maiorías sociais e para o noso País.

É imprescindíbel ese papel determinante do nacionalismo para que a conflitividade social e o descontento se traduzan en máis organización e máis conciencia e para evitar -como xa ten acontecido- que sexa conducido á frustración -caldo de cultivo do fascismo- á antipolítica, que favorece o réxime, ou a posicións só retoricamente de  esquerda que conducen á desmobilización social e á neutralización do conflito, como -infelizmente- xa temos visto.

Temos analizado en profundidade a situación actual aínda de pandemia e a previsíbel de post-pandemia na Galiza e no mundo, avanzando sempre propostas e alternativas. O conxunto do nacionalismo ten constatado a fraqueza da autonomía, como carta outorgada que pode ser anulada cun simple decreto do Goberno español e a súa inadecuación para dar solución aos problemas sociais e económicos do noso País. E, sensu contrario, comprobamos a importancia que tería podermos contar con estruturas de Estado para poder reaxir con axilidade e eficacia nunha situación excepcional en que a obriga era protexer a saúde e a vida da nosa xente.

Unha constatación que nos reafirma na necesidade imperativa da soberanía mais que non debe impedir que o nacionalismo presente e defenda alternativas tácticas na liña do recoñecemento da Galiza como nación e de alargar a capacidade para decidir por si propia, aínda que só sexa por pedagoxía política, para xerar un debate social que puider resultar esclarecedor, mais tamén para tentar tirar o noso país da situación de inanidade política a que as forzas do réxime a teñen conducido.

Comprobamos como, nunha situación de extrema gravidade provocada pola emerxencia sanitaria mundial, os países capitalistas, a comezar polos que conforman a Unión Europea e o chamado primeiro mundo, optaron por priorizar salvar a economía e as contas de resultados das grandes empresas frente a protexer a saúde, pagando un custo moi elevado en vidas humanas. Mais tamén observamos con esperanza como aqueles poucos países que enveredaron por unha vía diferente á do capitalismo colocaron no centro o obxectivo de salvar a saúde e as vidas dos seus povos de forma que, mesmo con todas as dificultades que enfrentan, conseguiron resultados infinitamente mellores do punto de vista sanitario e inclusive, en casos, no ámbito da recuperación económica.

A comprobación da nefasta xestión da pandemia realizada polos países capitalistas evidencia a necesidade de combater e superar definitivamente o capitalismo deshumano e depredador e reafírmanos na determinación de construír na Galiza soberana unha sociedade nova, totalmente diferente, xusta, igualitaria e libre, unha sociedade socialista.

E aínda, neste contexto de pandemia, houbo ocasión para confirmar, máis unha vez, como as forzas do bipartidismo español, que partillan a defensa do réxime de 78 e do papel subordinado da Galiza no Estado, se alternan na discriminación -eis o caso dos orzamentos do Estado de 2021, como antes os de 2018- mais coinciden en manter a dependencia política e o espolio colonial do noso País. A nosa obriga é evidenciar as consecuencias desta inserción subordinada e dependente para o desenvolvemento social e económico da Galiza e para a calidade de vida dos galegos e galegas, mais tamén sermos capaces de mostrar que hai alternativas e potencialidades que poderíamos desenvolver como povo libre. Non podemos perder ningunha oportunidade de facer pedagoxía política e crear conciencia a partir da realidade inmediata.

Nese sentido, quero traer aquí tres exemplos recentes, de asuntos que aconteceron nos últimos días e que poden resultar significativos.

En primeiro lugar, as rebaixas, descontos e bonificacións nas portaxes da AP-9. É claro que o nacionalismo mantén o horizonte dunha AP-9 galega e sen peaxes e tamén que a medida aprobada polo Goberno español difire no tempo e no contido co previamente acordado. Mais tamén é evidente que o feito de que hoxe esa medida estea en vigor é un éxito da constancia e da perseveranza do traballo social e político do BNG. Sorprende que agora todas as forzas políticas pretendan atribuír para si a autoría dunha medida socialmente valorada como moi positiva, incluídos os que se de algo son autores é de subir as portaxes de forma reiterada e abusiva e de prorrogar a concesión de maneira irregular até os 75 anos.

Mais non é disto do que quería falar. A aplicación dos descontos e bonificacións xerou informacións abundantes na imprensa galega e aínda algunhas na española. Entre elas un titular ben significativo, que deixa translucir ás claras o papel que a mentalidade dominante española atribúe ao noso País: (traduzo) “O conxunto dos españois terá que pagar a rebaixa de portaxes para os galegos na AP-9”.

Lembrades de ler algo similar cando os galegos e galegas tivemos que pagar para os 4.000 M€ que custou o rescate das autoestradas radiais madrileñas? Ou cando pagamos para a construción da T4 de Barajas (máis de 6.000 M€)? Ou, por continuar, cando pagamos para o Museo do Prado, para a compra de armamento, para un exército que nin precisamos nin nos representa, ou para soster unha monarquía -a dos Borbóns- anacrónica e corrupta?

Vistes algún titular parecido na imprensa española en relación cos máis de 3.000 M€ que perdemos cada ano nos impostos que pagamos ao Estado español e que non nos son devoltos, e aínda tendo que aguantar que digan que vivimos da caridade de España? Ou sobre as máis de 4.000 empresas que operan na Galiza mais que pagan os seus impostos en Madrid? Algo sobre o espolio da nosa produción enerxética ou do noso aforro?

Está claro: que os galegos e galegas paguemos para os españois, normal; que os españois paguen (as migallas, en comparación) para os galegos e galegas, mal. Esa é a mentalidade do establishment español, que asenta na relación política e económica desigual entre a Galiza e España. Mais o noso obxectivo non pode ser mudar a mentalidade dos españois -non aspiramos a tanto- senón rachar a relación de dependencia con España e para iso é imprescindíbel mudar a mentalidade dos galegos e galegas. Dicía sempre Bautista Álvarez, o noso inesquecíbel Bautista, que a independencia comeza nas mentes, e tiña razón. De aí a necesidade de facer pedagoxía nacionalista con asuntos como este.

En segundo lugar, o saqueo legalizado que representa o disparado e disparatado prezo da enerxía eléctrica. Hoxe bátese un novo récord, coa media en 116 euros Mw/h e o máximo en 130, máis do triplo do prezo de hai un ano. Poden argumentar razóns técnicas: maior custo dos permisos de emisión de CO2, o encarecemento do gas nos mercados internacionais... No máximo do descaro a Ministra de Transición Ecolóxica, despois de nos explicar que o asunto é que tíñamos que aprender a aforrar pasando o ferro despois das 12 da noite, chegou a botar a culpa da escalada do prezo da luz a Putin e á China. En fin...

A realidade é que estamos diante dunha regulación do sector eléctrico e da tarifa feita á medida das grandes empresas do sector, que multiplican os seus lucros a base de espremeren as clases populares e espoliaren os recursos naturais do noso País, deixando aquí os custos sociais e ambientais e levando para fora os lucros e os impostos, que pagan en Madrid. As mesmas forzas políticas que no seu día promoveron a privatización das empresas públicas alegando, por certo, que a “liberalización” (ese eufemismo) redundaría na baixada dos prezos, as mesmas que se benefician das portas xiratorias, continúan amparando o roubo legalizado que representa a factura da luz.

E frente a iso, e á posición claudicante daqueles que viñan a mudalo todo e agora se limitan a dicir que hai que facer algo e non fan nada desde o Goberno, o BNG é das poucas forzas políticas na Galiza e no Estado que ten unha posición clara: hai que nacionalizar o sector eléctrico, porque se a enerxía é un ben esencial, ten de estar sob control público.

Nacionalizar, no duplo sentido: a enerxía eléctrica que producimos na Galiza debe estar nas mans dunha empresa pública e galega, pois só así a produción eléctrica reverterá en beneficio do desenvolvemento social e económico do noso País e de todos os galegos e galegas, en vez de redundar en maiores lucros para unhas poucas empresas españolas e transnacionais que cada ano publican datos das contas de resultados realmente indecentes. Como exemplo, Iberdrola, 3.611 M€ en 2020; ENDESA, que pretende deixar tirados 800 traballadores e traballadoras e toda a vila e comarca das Pontes, 1.394 millóns. Como digo, realmente indecente.

Empresa pública e Tarifa Eléctrica Galega, son hoxe, neste contexto, alternativas claramente asumidas por amplos sectores sociais. Como o é a oposición á nova ofensiva de espolio eléctrico, neste caso eólico, que pretende estragar o noso territorio, na terra e no mar, para aumentar aínda máis esa millonaria indecencia sen deixar beneficios no noso País, apenas destrución e hipoteca de sectores produtivos esenciais como o agro-gandeiro ou o pesqueiro. Que teñan claro que o BNG e a sociedade galega non o van permitir.

E, en terceiro lugar, quero referirme ás recentes Olimpíadas de Toquio e ao desempeño nelas -realmente excepcional- dos e das deportistas galegas. Reparemos: seis medallas e dez diplomas. Terza parte das 17 medallas que conseguiu o Estado español, cando a poboación da Galiza non chega a 6%. Máis medallas que estados como Irlanda, Grecia ou Portugal. Nada mal!

Sei que houbo un certo debate -especialmente nas redes sociais, moi propicias para iso- sobre se esas medallas eran ou non galegas dado que as participantes do noso País competían sob a bandeira española. É, probabelmente, un debate estéril, porque non permite avanzar en conciencia nacional. Só hai unha conclusión posíbel: a única maneira de as nosas deportistas competiren sob a bandeira galega é a Galiza se tornar un estado soberano e que nunhas futuras olimpíadas poidan representar a República da Galiza.

Tiremos, pois o debate do ámbito do compromiso individual das nosas deportistas -con ser este importante e desexábel- e levémolo ao da responsabilidade colectiva, que nos interpela directamente: a construción dun movemento político nacionalista a cada día máis forte que permita avanzar para a conquista da soberanía.

Con todo, creo que os resultados galegos nas olimpíadas deben ser motivo de orgullo e satisfacción sobre todo porque mostran ás claras as inmensas potencialidades deste País -no deporte como en moitos outros ámbitos- e permiten enxergar o que podería ser, como dicía Castelao, con vida independente, cun Estado propio que -en vez de as limitar, como acontece agora- permitise desenvolvelas en todas a súa intensidade.

Esa é a nosa tarefa e o noso obxectivo: construír unha nación libre, un País xusto e próspero en que os galegos e galegas poidamos vivir na nosa lingua, con dignidade e con benestar. E sabemos que o temos que facer coas nosa mans, seguindo o exemplo de Reboiras, con coraxe política, con análise certa e con traballo constante.

Preparándonos para enfrontar con suceso os desafíos que temos pola frente, no ámbito social, político e institucional. No horizonte están xa unhas eleccións municipais que temos que abordar co obxectivo de afianzar a presenza do nacionalismo nos Concellos, por todo o País, e conquistar máis alcaldías para o BNG. Tamén unhas eleccións xerais en que debemos aspirar a reforzar a voz galega en Madrid e que se torne decisiva para  mellor defender os intereses da Galiza.

E aínda unhas eleccións galegas que deben representar un punto de inflexión na historia do noso País, a oportunidade de mudar o rumbo e comezar a actuar sen complexos como unha nación no mundo, alargando o camiño que conduce á liberdade. É unha etapa máis, que pode e debe ser decisiva, porque nunca esquecemos que o noso horizonte é o dunha república libre e soberana, a República da Galiza.

Comentarios