Opinión

Galiza, Podemos e a “unidad de España”

Segundo avanza o proceso de independencia de Cataluña máis evidente se fai que a cuestión nacional é o verdadeiro elemento de ruptura que ameaza a estrutura política do Estado español

Segundo avanza o proceso de independencia de Cataluña máis evidente se fai que a cuestión nacional é o verdadeiro elemento de ruptura que ameaza a estrutura política do Estado español. E tamén é máis visíbel a posición furibundamente unionista das forzas españolas. Todas. Non admira a do PP, a do PSOE ou a de Ciudadanos. No entanto, quen aínda non estivese instalada na convicción de que a verdadeira razón de ser, o suxeito político referencial incuestionábel dunha forza política española é España, talvez ficase sorprendida coa posición desacomplexadamente españolista de Podemos manifestada nos últimos días. Outras xa non. Mais en todo o caso, é verdade que Podemos tirou a careta e, mesmo sen asinar o Pacto por España para non se mesturar con Rajoy, aliña claramente na frente antisoberanista.

A xulgar pola últimas declaracións e movementos das forzas políticas, semella xa unha competición para ver quen se sitúa socialmente diante do electorado español como o principal garante da  'unidad de España', e nesa corrida Podemos non quere ficar atrás. Deixouno en evidencia Errejón cando se manifestou rotundamente contra a independencia de Cataluña, e vén de reiteralo Pablo Iglesias que, aliás, sitúa a súa formación como “la mejor garantía para la unidad de España”. Se eles o din, con certeza que há ser verdade. Non nos terán que convencer diso porque, por experiencia histórica, sabemos de sobra que do mesmo modo que unha forza galega se debe en primeiro lugar á Galiza, unha española sitúa España como o suxeito político a priorizar.

Sabemos de sobra que do mesmo modo que unha forza galega se debe en primeiro lugar á Galiza, unha española sitúa España como o suxeito político a priorizar

Con este posicionamento manifesto -coa unidade de España por bandeira-, a pergunta que moitas persoas fan é se achamos coherente ou útil para unha formación nacionalista galega compartillar proxecto político con Podemos. Eu non teño dúbida: nin unha cousa nin outra. É claro que a unidade, para alén de acordos ou colaboracións puntuais sempre posíbeis con quen se coincidir nalgunha cuestión, ten de partir de obxectivos compartidos e resulta evidente que os máis esenciais aquí non o son. Cando o partido de Pablo Iglesias anuncia que é garante da 'unidad de España' está admitindo que o seu obxectivo é manter a nosa nación na situación de subordinación e dependencia, que supón espolio dos nosos recursos, empobrecemento, perda de emprego, miseria, emigración e negación dos nosos dereitos colectivos como povo. Cando o BNG defende a soberanía da Galiza é porque ten claro que a ruptura que o noso país precisa é xustamente a da dependencia, única maneira de podermos construír unha sociedade diferente, realmente democrática, verdadeiramente libre, próspera e con benestar, xusta e igualitaria. 

Fica en evidencia que, como proxectos estratéxicos, a defensa da unidade de España e a da soberanía de Galiza non son apenas incompatíbeis, son claramente antagónicos. Asentado isto, algunhas persoas preguntarán tamén que estivo a facer entón o BNG ao longo destes meses de debate sobre a candidatura galega? Pois xustamente defender o que sempre defendeu: que a única garantía real de camiñarmos para un futuro de liberdade e soberanía é con autorganización e con confianza nas forzas propias. Iso é o que significa defender unha candidatura galega, con personalidade xurídica propia, sen dependencia de forzas españolas ou intereses alleos á nación e para alcanzar un grupo parlamentar ou representación plenamente soberana. E, aínda, para loitar  (como ficou acordado no Banquete de Conxo) pola soberanía  e os dereitos materiais e nacionais da Galiza.

Cando o partido de Pablo Iglesias anuncia que é garante da 'unidad de España' está admitindo que o seu obxectivo é manter a nosa nación na situación de subordinación e dependencia

Con estas premisas, o BNG estivo en disposición de falar con todo o mundo, sen exclusións. Mais, ao tempo, deixando claro que a unidade que propugnaba era por e para a Galiza. E, por tanto, que a hipotética participación de forzas españolas nunha candidatura nacional galega tería de partir dunha mudanza nas prioridades políticas desas forzas que pasase por racharen a dependencia coas directrices de Madrid e por actuaren exclusivamente en función dos intereses da Galiza. Máis unha vez, por experiencia histórica, moit@s partiamos de que iso non sería posíbel no actual contexto, mais é verdade que moitas outras persoas que compartillan o proxecto do nacionalismo e lles preocupa o futuro da Galiza confiaban en conseguir arrastralas a unha posición de País. 

Con independencia do grao de cepticismo ou confianza inicial de que partísemos, non cabe dúbida de que o debate pagou a pena e resultou esclarecedor. Entre outras razóns porque, formulada así a cuestión, ficou absolutamente en evidencia onde están as prioridades de cadaquén. Esquerda Unida e Podemos non mudaron nin un milímetro as súas políticas, e menos para estaren dispostas a asumir un grupo parlamentar galego.  O facto de nin sequera asistiren á reunión convocada pola IpU no sábado 30 de outubro, non debe sorprender: é a manifestación evidente de que non teñen ningún interese nunha candidatura verdadeiramente galega. O seu proxecto é outro, articulado con epicentro en Madrid. Aliás, no caso de Podemos, traendo á superficie a face máis españolista. Coas últimas declaracións, Iglesias reafirma que a súa lealdade e a do seu partido é con España e a súa 'unidad'. Pois ben, a do BNG e a do nacionalismo é, incuestionabelmente, con Galiza e coa soberanía.

Por que Anova nunca tivo interese en dialogar seriamente co BNG ao longo destes meses? Por que prefire a alianza con Podemos frente á posibilidade de conformarmos conxuntamente unha grande candidatura en chave de País?

Colocadas así as cuestións, con este grao de claridade, cabe preguntar pola posicións de organizacións políticas galegas que non apostaron nunha alternativa da Nación, plenamente soberana. Por que Anova nunca tivo interese en dialogar seriamente co BNG ao longo destes meses? Por que prefire a alianza con Podemos frente á posibilidade de conformarmos conxuntamente unha grande candidatura en chave de País sobre a base das organizacións políticas propias? Realmente, após as reiteradas declaracións dos dirixentes de Podemos sobre a cuestión nacional e a 'unidad de España', é posíbel continuar a defender que unha alianza con eles permitirá avanzar para a soberanía da Galiza? 

A teoría de que 'Galiza por si soa non pode' e por iso ten  de se apoiar na esquerda española, para alén de evidenciar falta de confianza na capacidade política do noso povo, resulta claramente contraditoria excepto, claro, se ese xa non for o obxectivo prioritario. Aliás, acho que nin sequera amparándose nas posicións formais, 'de respecto', esa posición ten un mínimo de credibilidade a estas alturas. Entre os elementos que Podemos arrombou no baúl dos recordos na súa inexorábel 'viraxe ao centro' está a da ruptura democrática. O novo discurso xa abandonou definitivamente ese mantra e agora céntrase na reforma da Constitución, articulada arredor de cinco eixos, entre os que está o dereito a decidir, concretado na realización dun referendo. 

Creo que isto xa non engana ninguén que non estea disposto a se deixar enganar. Lembra moito a posición do PSOE de González sobre a OTAN, cando converteron en cuestión central a exixencia do referendo para despois votaren nel a favor da entrada na alianza militarista. Iso si, con dúas diferenzas desfavorábeis a Podemos. A primeira é a evidencia de que esta proposta é apenas un brinde ao sol, sen ningunha posibilidade de se ver realizada, pois precisarían dun mínimo de 235 deputad@s e os inquéritos sitúannos con entre 25 e 50.  A segunda, e non menos importante, que Podemos xa anuncia previamente que o seu voto nese hipotético referendo será en contra da soberanía das nacións. Non hai nada máis falso -e máis propio do sistema capitalista- que o recoñecemento formal de dereitos que despois non se poderán exercer. Insisto: só quen estiver disposto a se deixar enganar poderá acreditar en que esta é a vía para a nosa soberanía.

O camiño é outro e non pasa por cifrar as nosas esperanzas como povo no que puideren decidir na Complutense ou no que acontecer na Puerta del Sol. Desde 1916 o nacionalismo galego entendeu que a liberdade da Galiza depende exclusivamente de nós e pasa por organizar o noso povo. Pasa por articular, fortalecer e desenvolver organizacións políticas, sindicais e sociais propias.  Na longa experiencia histórica das nacións que alcanzaron a independencia, esta premisa sempre se cumpriu e somos moitas as persoas que na Galiza de hoxe acreditamos en que continúa sendo válida, tamén no plano electoral.

Para moitas persoas resultará difícil de entender que Beiras non aposte en fortalecer unha proposta nacionalista ampla e unida e, en troca, acepte ir ás eleccións da man de Pablo Iglesias, co-garante da unidade de España

Cada forza política e cada persoa teñen, pois, que decidir cal é o seu camiño. Tamén Beiras e Anova, claro. O interesante de aquí en diante é ver se esas escollas son entendidas e apoiadas. Acho que, a pesar de todo o que leva acontecido nos últimos anos, para moitas persoas resultará difícil de entender que Beiras non aposte en fortalecer unha proposta nacionalista ampla e unida e, en troca,  acepte ir ás eleccións da man de Pablo Iglesias, co-garante da unidade de España. Difícil de crer, mesmo, que estea disposto a que no seu epílogo político, de que tanto fala, esa sexa a foto final da súa traxectoria. E difícil de asimilar tamén que Anova asuma gustosamente ese papel que lle atribúe claramente Podemos cando Errejón afirma que as candidaturas 'diferenciais' en Valencia, Cataluña e na Galiza “son la forma más responsable de unir España”. Realmente a militancia de Anova, a súa base social e electoral, concorda con isto e está disposta a facer ese traballo? 

Acho que, por fortuna, as posicións políticas de cadaquén se están esclarecendo. É o momento das escollas e das decisións definitivas. Millares de persoas neste país temos feito a nosa. Para construírmos unha candidatura verdadeiramente galega, para defendermos Galiza e os intereses populares, para traballarmos pola ruptura da dependencia e pola soberanía, temos a man tendida para a máis xenerosa unidade. Agora e sempre. Para fortalecer o recambio da socialdemocracia española e con ela apuntalar 'de maneira responsábel' a unidade de España, é evidente que non estamos. Se alguén aínda tiver que escoller lealdades, que o faga. A nosa é, indefectibelmente, con Galiza.

Comentarios