Opinión

O debate é noso, o futuro tamén

Lendo estes días a imprensa do sistema pouca información útil, e moito preconcepto, se pode tirar sobre o verdadeiro sentido do debate asemblear do BNG. Inmobilistas, conservadores, resistencialistas; aperturistas, pragmáticos, progresistas... Como as palabras nunca son inocentes, e moito menos na linguaxe política en que costuman estar cargadas de fortes significacións connotativas, poderiamos mesmo pensar que a prensa sistémica xa tomou partido e quere participar da Asemblea. Mais engánanse. O debate non é deles nin son eles os que o van resolver. E tamén a realidade non é esa estereotipada que pretenden presentarnos. 

O debate é noso, da militancia do BNG e de todas as persoas que queremos construír un futuro diferente para o noso País, de liberdade e prosperidade, de soberanía. E, para alén do máis, e mal que lle pese ao poder, ten como horizonte fortalecer o BNG e o nacionalismo. Co mellor ánimo de furar a cortina de fume mediática, tentarei abordar algúns dos elementos que resultan chaves dun debate que debe supor o inicio da recuperación e do relanzamento do proxecto nacionalista na sociedade.

Poderiamos mesmo pensar que a prensa sistémica xa tomou partido e quere participar da Asemblea

Un proceso democrático. Poden os medios facer as lecturas caricaturescas que quixeren coa pretensión do condicionarmos, mais a realidade é que o BNG é unha organización de afiliación individual en que cada militante ten as mesmas obrigas e dereitos e a capacidade de decidir co seu voto. Ese é o principio básico de funcionamento que xunto co recoñecemento da pluralidade e, por tanto, do dereito á discrepancia pública, articula o mellor escenario para un debate aberto e democrático. Non por acaso -e, evidentemente, non por nos facer un favor-  hai apenas dous meses un estudo da iniciativa cidadá + Democracia sobre calidade democrática dos partidos situaba o BNG como primeiro no ranking; é dicir, como a forza máis democrática e transparente do Estado español de entre un total de 14 partidos, dos que só dous aprobaban. O debate ten obxectivos, claro. Mais, ao mesmo tempo, debe tornarse  exemplo de que o nacionalismo ten plena lexitimidade para predicar democracia porque tamén a practica.

Moito máis que eleccións. A pesar do fáciles que son as simplificacións, a realidade é sempre máis complexa. Contra o que puider parecer lendo algúns medios, nesta Asemblea Nacional o BNG non debate apenas como concorrer ás eleccións. Debate moito máis. Queremos, para alén dunha adecuada análise do contexto, identificar os erros e os acertos, as deficiencias e as fortalezas, para poder definir tamén as mudanzas necesarias en todos os ámbitos (organización, acción social, política, institucional, discurso...) que nos den a chave con que abrir unha nova etapa no nacionalismo. Sabemos que esas mudanzas poden e deben ser profundas e por iso as expresamos nunha proposta de refundación, mais partimos tamén dalgunhas certezas: é preciso relanzar un instrumento político que traballe pola soberanía nacional da Galiza desde a plena independencia de criterio e, por tanto, sobre a base da confianza nas propias forzas. As eleccións son un elemento máis, moi importante, do traballo político que se debe desenvolver.

Queremos, para alén dunha adecuada análise do contexto, identificar os erros e os acertos, as deficiencias e as fortalezas

Nacionalismo na sociedade. Así pois, o principal obxectivo desta asemblea é afinar o instrumento esencial que ten o noso País para exisitir como pobo e actuar como nación. Mais para ser útil é preciso utilizalo, cada día, con saber facer e con eficacia. Non serve de moito se o gardamos no museo e o sacamos de procesión nos días de festa. O nacionalismo ten que estar presente de forma permanente na sociedade, no traballo político, social e institucional, no debate de ideas, na conformación de conciencia nacional... E tamén no plano electoral. A sociedade galega ten dereito a poder votar unha alternativa nacionalista e a contribuír con iso para fortalecer un proxecto de País. 

Renunciar a contrastar propostas, a evidenciar as contradicións, a explicar que aquí os problemas sociais derivan directamente da dependencia e que, por tanto, a contradición principal é a que nos enfronta con España, equivalería a renunciar a facer avanzar Galiza como nación e o nacionalismo como movemento transformador.  O nacionalismo non pode nin debe conformarse con actuar de corrente de opinión que dea o toque de cor galeguista a ningún proxecto dirixido desde Madrid. Moi ao contrario, sempre entendemos que a actuación política tiña unha finalidade práctica: evidenciar os problemas do País, ofrecer propostas alternativas, condicionar a vida política, transformar, irradiar conciencia, organizar, avanzar... E sentar as bases para a soberanía.

A sociedade galega ten dereito a poder votar unha alternativa nacionalista e a contribuír con iso para fortalecer un proxecto de País

Avanzar a camiño da soberanía. Con certeza que unha das reflexións a realizar é se o discurso que viñemos realizando estivo sempre ben centrado. É claro que resulta pouco atraente para a sociedade se a defensa da soberanía aparece como unha receita ideolóxica que non ten a ver coa realidade. Mais pode selo se soubermos relacionala adecuadamente coa solución dos principais problemas sociais e económicos do País. Non se trata, por tanto, de postergar nin de abandonar o debate sobre a soberanía, e menos agora que a cuestión nacional está a se tornar central na axenda política do Estado. Trátase de aquilatar o discurso, sen confundirmos táctica e estratexia, para lograrmos a recepción social desexada.

Iso si, se entendemos que o obxectivo político do nacionalismo é a soberanía, tamén debemos actuar en todas as frentes de maneira coherente. Non fai sentido pretender avanzar para a soberanía aliándose con forzas que están manifestamente en contra dela. Cantas veces terá de repetir Pablo Iglesias que Podemos é a mellor garantía para a unidade de España para que algunhas persoas acaben por se convencer? E tampouco serve considerar que, con todo, para ese destino “podemos facer parte do camiño xuntos” se entendemos que imos en direccións opostas. Outra cousa son, claro, os acordos políticos puntuais para obxectivos tácticos en que puidermos coincidir.

Trátase de aquilatar o discurso, sen confundirmos táctica e estratexia, para lograrmos a recepción social desexada

Aprender da experiencia. É comprensíbel que nun debate que resulta da complexa situación política en que ficou o BNG haxa compañeiras e compañeiros que poñan na balanza principios como o de auto-organización -sobre todo se percibido como dogma- frente a hipotéticos resultados electorais positivos. Mais non se trata de ningún dogma. A experiencia histórica mostra, por toda a parte, que os pobos avanzan para a liberdade só cando despregan os seus propios medios e actúan con plena independencia. No entanto, nen é preciso recorrer á historia para termos unha idea das consecuencias de axirmos doutra maneira. Chega con analisarmos o proceso de debate para as eleccións xerais ou a actuación da representación elixida na Galiza o 20D para o comprobar. 

A representación de En Marea pregouse gustosamente á estratexia de Pablo Iglesias e da dirección madrileña de Podemos, abdicando desde o comezo de exercer de voz galega soberana

Ficou claro nestes meses que Podemos non tiñan a máis mínima disposición a romper a submisión a Madrid, como tamén se evidenciou que a representación de En Marea se pregou gustosamente á estratexia de Pablo Iglesias e da dirección madrileña de Podemos, abdicando desde o comezo de exercer de voz galega soberana. Até o extremo de renunciar mesmo a xestionar a propia constitución como grupo -que delegaron en Iglesias- para acabaren por se integrar no grupo de Podemos -cando poderían ter ido ao Mixto- e, en consecuencia, ficaren á marxe dunha negociación como representación diferente co PSOE. Infelizmente, por primeira vez en 20 anos, o noso País non exerce con voz soberana nun momento en que máis precisaba facelo.

Deserto e paraíso. Nas simplicacións extremas que por veces se fan pode chegar a parecer que a opción que temos que resolver, no plano electoral, é entre a travesía do deserto ou entrar xa no Paraíso: resultados electorais extraordinarios que nos permitirán remontar rapidamente. Colocada así a cuestión, a elección parece fácil e clara. Infelizmente, tamén aquí a realidade é máis complexa. Se non queremos caer en miraxes, as propostas que se realizan, por moi atraentes que resulten, deben ser verificábeis. Parto de que a integración electoral con forzas españolas sería negativa para o nacionalismo mais todo parece indicar que, mesmo que unanimente quixermos, non existe ningunha vontade por parte dos hipotéticos parceiros de facilitar ningunha confluencia e menos en pé de igualdade. Foron reiteradas as declaracións nese sentido, e obvialas equivalería a enfrontar un proceso público de debate e negociación que resultaría desgastador e frustrante e que, por tanto, daría como resultado máis debilidade para o nacionalismo cando o que precisamos é convicción e confianza. 

Non existe ningunha vontade por parte dos hipotéticos parceiros de facilitar ningunha confluencia e menos en pé de igualdade

Por outro lado, sen ocultar que temos un panorama difícil por diante, partimos da seguranza de que o escenario é máis favorábel para nós nunhas eleccións galegas en que o BNG pode pór sobre a mesa o magnífico labor realizado no Parlamento e na rúa nos últimos catro anos e é máis facilmente percibido como útil para derrotar o PP e ser peza esencial no cambio político. 

Derrotar o PP para a mudanza real. Somos conscientes de que existe en amplos sectores da nosa sociedade unha ansia profunda de cambio. É esta unha enerxía que debe ser activada no plano político e  electoral, sobre todo se aspirarmos a ir máis aló dunha simple alternancia no goberno e a producir unha mudanza real e profunda.  E para iso é premisa a derrota do Partido Popular nas próximas eleccións galegas, mais non será suficiente se ficar aí. Debe ser apenas o primeiro paso. Nese sentido, a disposición do BNG terá de ser a mesma que sempre tivo para articular maiorías alternativas que sexa capaces de desaloxar o PP do goberno da Galiza e iniciar unha nova etapa que abra tamén a esperanza. Outra cousa é que pretendamos ir máis alá, para realmente avanzar, para evitar a frustración dunha alternancia que non se atreva a mudar nada esencial, para xerar ilusión e enerxía transformadora. 

É evidente que en calquera alternativa de goberno na Galiza é preciso contar co PSOE, cando menos neste momento. Alguén formula a hipótese dunha alianza pre-electoral co PSOE?

Alguén pode preguntar: e se hai disposición a acordos post-electorais, por que, entón, non antes? Por unha parte, unha coalición electoral é concibida como unha alianza entre forzas que teñen fondas coincidencias non apenas tácticas senón tamén nos obxectivos estratéxicos,  en canto os acordos post-electorais son tácticos e están condicionados pola correlación de forzas que resulta das eleccións. Mais, para alén diso, tamén é evidente que en calquera alternativa de goberno na Galiza é preciso contar co PSOE, cando menos neste momento. Alguén formula a hipótese dunha alianza pre-electoral co PSOE? É claro que non. O proxecto do nacionalismo é diferente do das forzas españolas e debe ter a oportunidade de ser defendido na sociedade. A partir de aí sempre se pode falar e acordar.

Un nacionalismo plural. Reforzar o nacionalismo pasa tamén por recoñecer e valorizar o seu carácter plural porque esa é, precisamente, unha das súas fortalezas. Non é fácil de entender discursos que se sustentan en conceptos como integración mais despois non teñen reparo en defenderen abertamente propostas excluíntes. Para construír unha Galiza libre non sobra ninguén. Ao contrario, faltan moitas mans, moitas persoas e colectivos. Por tanto será sempre preferíbel procurar e acariñar fórmulas inclusivas, que fagan cómoda a incorporación de máis xente ao proxecto, individual ou colectivamente. 

Os partidos e colectivos están recoñecidos precisamente para dar carta de natureza ao pluralismo interno mais non teñen ningún papel orgánico

Aliás, entre as deturpacións mediáticas habituais está a que realiza unha interpretación do frentismo que non ten nada a ver coa realidade. Xa se dixo que o BNG é unha organización de afiliación individual que funciona sobre o criterio de unha persoa, un voto. Os partidos e colectivos están recoñecidos precisamente para dar carta de natureza ao pluralismo interno mais non teñen ningún papel orgánico para alén de contaren con un representante no Consello Nacional. E iso, hoxe por hoxe, representa tres persoas de máis de cen. Insisto en que a aspiración deberá ser agrandar o BNG e convidar tamén colectivos a se incorporaren. E acho que tería pouca eficacia o convite se for acompañado da intimación para se disolveren previamente e entraren de forma individual. Por outro lado, ese carácter plural que alguén ve como inconveniente no BNG existe tamén noutras organizacións e plataformas electorais que mesmo son colocadas por veces como referenciais, na Galiza ou fóra dela. Procuremos, pois, as mudanzas organizativas que permitan realmente avanzar para un BNG máis eficaz e integrador, na perspectiva de alargar a organización e a capacidade de intervención social. 

Contaxiar confianza. Temos por diante o reto de converter unha Asemblea Nacional realizada nunha situación extraordinaria nunha oportunidade para abrir unha nova etapa no nacionalismo, nun punto de inflexión a partir do cal sexamos capaces de levantar o voo. Partimos da certeza de que o proxecto nacionalista ten un grande futuro por diante e que depende exclusivamente de nós, das persoas que cremos na Galiza e confiamos no noso povo. A confianza e a estima colectiva son contaxiosas e debemos transmitila con convicción e con entusiasmo. Avánzase confiando nas propias forzas e tendo a flexibilidade necesaria para mudar todo o que non for esencial sempre que iso permita mellorar a capacidade de permeabilización social do nacionalismo. 

Comentarios