Opinión

A candidatura galega, aquí e agora

No centro do debate político nas últimas semanas está a candidatura galega nas próximas Eleccións Xerais. Acho que a iniciativa do BNG de propor sumar forzas, sobre a base da confluencia de organizacións políticas galegas, colectivos sociais e persoas comprometidas co País, nun grande movemento con expresión electoral xerou unha vaga de ilusión e grande expectativa.

No centro do debate político nas últimas semanas está a candidatura galega nas próximas Eleccións Xerais. Acho que a iniciativa do BNG de propor sumar forzas, sobre a base da confluencia de organizacións políticas galegas, colectivos sociais e persoas comprometidas co País, nun grande movemento con expresión electoral xerou unha vaga de ilusión e grande expectativa. E, sobre todo, logrou que o debate sobre o que facer xirase arredor do noso País. Na mesma liña pronunciáronse tamén algunhas voces comprometidas de persoas e colectivos que desde o ámbito intelectual ou social teñen a Galiza no centro das súas preocupacións.  En calquera caso, unha proposta como esta mudou o eixo do debate nalgúns espazos políticos dunha 'unidade popular' non referenciada especialmente á Galiza á necesidade de que a nosa nación fortaleza a representación propia nas Cortes do Estado.

"A iniciativa do BNG de propor sumar forzas, sobre a base da confluencia de organizacións políticas galegas, colectivos sociais e persoas comprometidas co País, nun grande movemento con expresión electoral xerou unha vaga de ilusión e grande expectativa".

No entanto, un proceso destas características é sempre complexo e precisa de elementos de contraste e esclarecemento. De facto, o espectáculo ao que estamos a asistir estes días de líderes políticos madrileños (primeiro Garzón, agora Iglesias) de xira por provincias para armaren as súas candidaturas para as xerais e a negociación con forzas galegas para se sumaren a elas é, na miña opinión, o exemplo perfecto de como non se debe construír, o paradigma do problema de dependencia política da Galiza. Para as persoas que cremos neste País e temos confianza na súa capacidade política, unha cuestión é esencial: unha candidatura galega que mereza ese nome, sexa a que for e como for, debemos construíla nós, as galegas e galegos, e non se negocia con Madrid. Porque se se fai, estará sempre condicionada polos acordos e os compromisos e nunca poderá reflectir e representar a vontade soberana deste povo. É, en definitiva, a antítese do que precisamos, que a Galiza actúe como suxeito político definido, sen limitacións nin dependencias, para defender os propios intereses. Mais vaiamos por partes.

O momento político no conxunto do Estado é singular e. sen dúbida, condiciona as percepcións e as posicións políticas tamén na Galiza. Por un lado existe unha ampla vontade social de pór fin a un goberno do PP que executou as máis impopulares e lesivas políticas antisociais dos últimos tempos. Por outro, a percepción de que estamos nun momento en que é posíbel mudar o sistema político saído da Transición. 

Vaia por diante o que xa debería ser desnecesario precisar dada a traxectoria do BNG: o nacionalismo galego será o primeiro en pór os votos da súa representación no Congreso para acabar co goberno corrupto e antisocial do Partido Popular. Mesmo que tamén saibamos que iso non virá a resolver os fondos problemas estruturais que padece a Galiza, ligados á “dependencia que perpetúa o espolio económico e humano do noso país” (cito do manifesto 'Pola Unión: Galiza existe e quere existir' asinado recentemente por varios intelectuais galegos). 

"O nacionalismo galego será o primeiro en pór os votos da súa representación no Congreso para acabar co goberno corrupto e antisocial do Partido Popular". 

Canto ao segundo, sen esquecer que a ruptura que realmente interesa á Galiza é a da dependencia, unha mudanza significativa en sentido democrático no Estado deberá pasar polo recoñecemento dos dereitos das nacións, a comezar pola nosa. De facto, parace evidente que se hai un elemento que está a pór en crise o modelo constitucional español é a cuestión nacional, especialmente o proceso de independencia de Catalunya. Por tanto, se se der esa hipótese, o nacionalismo galego debe estar presente, para que a Galiza non sexa mera espectadora e si actor relevante no novo escenario.

En todo o caso, desde unha perspectiva galega, haberá sempre un obxectivo táctico esencial, que moit@s consideramos prioritario: que a Galiza fale com voz propia para defender os seus intereses materiais e os seus dereitos como povo. O BNG leva 20 anos sendo a voz, única, da Galiza diante das institucións do Estado, actualmente con dúas deputadas. Os resultados da últimas eleccións municipais, coas súas luces e sombras, consolidan o BNG como terceira forza política e sitúano nunha posición de partida que permitiría revalidar esa representación. 

Con todo, o momento político e a posibilidade de se abriren mudanzas na arquitectura política do Estado, aconsellan non aspirar apenas a manter a representación nacionalista senón a tratar de reforzala, obtendo unha presenza institucional nas Cortes significativa, que permita condicionar a dinámica política do Estado en función dos intereses e das aspiracións do povo galego. Esa é a razón da proposta que lanzou o BNG de constituír unha Candidatura Nacional Galega de Unidade que fose capaz de agrupar non só as organizacións políticas galegas senón tamén un amplo abano de colectivos sociais e persoas que queren este País e lles preocupa o seu futuro. 

"O 25 de xullo podería tornarse -se outr@s tiveren vontade de avanzar nesa dirección- nun escenario de confianza e mesmo nunha primeira actuación pública conxunta das forzas comprometidas coa candidatura galega".

A proposta de candidatura de unidade, sendo absolutamente xenerosa -sería a primeira vez en máis de 30 anos que non concorrería coas súas siglas- é congruente co que historicamente veu defendendo e practicando o BNG, sobre a premisa de que a maior unidade posíbel será sempre o mellor instrumento para a expresión da Galiza como nación que aspira a construír un futuro diferente, de benestar e de liberdade. Esa posición histórica foi revalidada na XIV Asemblea Nacional, realizada hai dous anos, onde foi adoptada a resolución de “traballar a prol dunha ampla unidade na acción social ou electoral das forzas nacionalistas”. 

Tamén é coherente con esa iniciativa a renuncia a protagonizar unha convocatoria exitosa -sen dúbida o acto político máis importante de todo o ano para o BNG- como a do 25 de xullo, abrindo a hipótese dun Día da Patria plural e unitario, procurando o apoio non só das organizacións políticas nacionalistas mais tamén de organizacións e colectivos sociais. Deste modo, o 25 de xullo podería tornarse -se outr@s tiveren vontade de avanzar nesa dirección- nun escenario de confianza e mesmo nunha primeira actuación pública conxunta das forzas comprometidas coa candidatura galega.

A proposta do BNG parte de premisas claras. Debe tratarse dunha candidatura en chave de País, que defenda os intereses materiais e os dereitos nacionais da Galiza; cunha liña de actuación ao servizo das clases populares, das mulleres, das liberdades públicas, da transformación social e económica da nosa nación; que defenda o dereito de autodeterminación para o povo galego e o de dereito a decidir como conquista a exercer desde Galiza; e, ademais, que promova unha política internacional baseada na paz, na igualdade, no anti-imperialismo e no respecto á soberanía dos povos. Para garantir isto, a candidatura debe posuír personalidade xurídica propia, en coherencia co suxeito político diferenciado -povo galego- que representa e o Grupo Parlamentar resultante non deberá ter ningún tipo de ataduras a respecto de criterios, intereses ou estruturas partidarias extragalegas ou de ámbito estatal.

"A candidatura debe posuír personalidade xurídica propia, en coherencia co suxeito político diferenciado -povo galego- que representa e o Grupo Parlamentar resultante non deberá ter ningún tipo de ataduras a respecto de criterios, intereses ou estruturas partidarias extragalegas ou de ámbito estatal".

O lanzamento púbico da iniciativa motivou de forma inmediata a pregunta sobre se proposta se dirixía só a forzas galegas ou tamén ás estatais como IU ou Podemos A posición do BNG foi obvia: É unha proposta sobre principios claros, aberta a quen estiver en disposición de aceptala. Por tanto, a pregunta deberá ser dirixida precisamente a esas forzas: Están dispostas a asumir estes principios coa vontade real de os cumprir? Ou o que é o mesmo, Están decididas a romper a dependencia de Madrid e a actuar exclusivamente en función dos intereses da Galiza, adoptando aqui as decisións de forma soberana? Se así for, adiante.

Infelizmente a historia móstranos as limitacións das forzas españolas actuantes na Galiza, mesmo que formalmente 'recoñezan' o dereito de autodeterminación, e o presente obstínase en confirmalas. As visitas dos líderes madrileños ao noso País resultan, nese sentido, esclarecedoras. @s dirixentes desas organizacións na Galiza semellan politicamente incapacitados para decidiren en por eles, e limítanse a actuaren de secundarios das stars de Madrid que veñen a negociar coas forzas locais.  

Hai 15 días Yolanda Díaz (IU) respondeu á proposta do BNG declarando que o Bloque debía “porse a un lado”, porque o protagonismo dese proceso lle correspondía a outros actores. No máximo do despudor, fixo esta declaración á beira de Alberto Garzón, que viñera á Galiza para promover a súa candidatura. Estes días foi Pablo Iglesias quen nos visitou na súa 'xira do cambio', insistindo en que Podemos é o principal axente dese cambio e, por tanto, debe ser tamén o 'paraugas' para outras forzas. Non sorprende a posición prepotente e centralista dos líderes que chegan de Madrid (por non falarmos da distancia abismal entre a retórica da hora da cidadanía e a negociación entre cúpulas). Outra cousa é a actitude de forzas políticas galegas que proclaman a vontade de que a Galiza actúe como 'suxeito político' pois nesa candidatura inevitabelmente irían nunha posición secundarizada e dependente.

"Están dispostas a asumir estes principios coa vontade real de os cumprir? Ou o que é o mesmo, Están decididas a romper a dependencia de Madrid e a actuar exclusivamente en función dos intereses da Galiza, adoptando aqui as decisións de forma soberana? Se así for, adiante".

Como sempre, o esclarecemento de posicións terá que furar o pano das mistificacións e da perversión das palabras. Parece que Iglesias estaría a favor dun grupo parlamentar galego. No entanto, é evidente que esa declaración é absolutamente contraditoria coa exixencia de a candidatura levar as siglas de Podemos e ser parte , por tanto, da súa lista estatal. O 'grupo' resultante non pasaría na realidade de ser un subgrupo dentro do Grupo de Podemos, sen capacidade real de decisión independente. Precedentes hai ben ilustrativos nese sentido, nomeadamente o 'grupo' que nun tempo mantivo o PSC dentro do PSOE, pois de facto non tivo nunca un funcionamento independente nin posicións diferenciadas, moito menos  que partisen da vontade soberana de Cataluña.

Neste escenario de debate e de confusión o BNG -como sempre fixo- toma a iniciativa  e, moi lonxe de estar agardando polo que decidan en Madrid, ten claro a dirección en que se debe camiñar: xerar un amplo movemento social e político galego en defensa do País que veña a se expresar nunha candidatura galega, forte e con capacidade de ilusionar e de disputar o terreo ao bipartidismo. Unha candidatura que sexa capaz de obter un Grupo parlamentar Galego, que contribúa para a mudanza política necesaria no Estado, mais sempre desde unha perspectiva de País, desde a consciencia de que a ruptura democrática real e non aparencial, radica xustamente na posibilidade de lle devolver aos povos os seus dereitos democráticos, de rescatar a soberanía para a Galiza. É, pois,  tempo de xenerosidade e de que todas as forzas políticas galegas poñan os intereses do noso País por diante.

Comentarios